O mércores chegará un anticiclón ás Rías Baixas con tempo seco e temperaturas agradables
Por Redacción
Durante este luns 13 os ceos permanecerán parcialmente cubertos con chuvascos máis frecuentes e intensos na zona sur e no oeste de Galicia. Durante a madrugada do martes espérase o paso dunha fronte que se moverá do sur cara ao norte deixando choivas localmente tormentosos na metade oeste da comunidade. O vento soprará moderado do suroeste durante o día tomando dirección sueste na madrugada, con intervalos fortes na metade sur, con temperaturas entre os 10 e os 13 graos, segundo o servizo de Meteogalicia.
O martes, Galicia quedará na influencia das baixas presións, que se desprazan cara ao norte, pero seguen achegando inestabilidade. Así, os ceos permanecerán nubrados durante toda a xornada, con chuvascos localmente de intensidade moderada, máis frecuentes e de maior cantidade de auga no litoral de Pontevedra. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente situándose sobre os 8 e os 14 graos.
As Rías Baixas quedarán o mércores nunha zona intermedia entre o anticiclón de Centroeuropa e as borrascas do Atlántico. Con esta situación espérase unha xornada de ceos nubrados coa posibilidade dalgún chuvasco illado e ocasional. As temperaturas ascenderán lixeiramente con ventos de compoñente sur.
A partir do xoves, Galicia quedará progresivamente baixo a influencia das altas presións, con ventos de compoñente sur, deixando unha xornada de tempo seco e con temperaturas moi agradables nas horas centrais do día. Os ceos estarán nubrados con bancos de néboa. A medida que avance a xornada iranse abrindo grandes claros. As temperaturas situaranse entre os 9 e os 18 graos con ventos moi frouxos do sueste.