ADEGA denuncia o "exterminio" de lobos en Cotobade en batidas"ilegais"
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A asociación ecoloxista Adega denunciou ante a Garda Civil a actuación "irregular" da Xunta de Galicia ao autorizar tres controles de poboación de lobos no últimos catro meses nos montes de Cotobade, unhas batidas que cualificaron como "exterminio".
Adega asegura que a Xunta seguiu dando permisos para realizar estas batidas de caza porque, oficialmente, non se logrou abater ningún animal.
Pero a asociación fixo público un vídeo que demostraría, segundo sinalan, que eses datos son "falsos".
No vídeo aparece unha loba supostamente abatida hai semanas nos montes de Cotobade, no mesmo lugar no que Medio Ambiente autorizara unha batida para este domingo 12 de febreiro, xustificada nos resultados negativos das anteriores.
Ademais da denuncia ante a Garda Civil, Adega trasladará estas probas á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao entender que con esta loba abatida "ilegalmente", están a alterarse "gravemente" as condicións que xustificaban esta nova batida de caza.
O colectivo lamenta o "desleixo" da administración nesta materia, unha actitude coa que consideran "podería estar a incorrer nun delito de prevaricación".
Con estas autorizacións "fraudulentas", segundo Adega, a administración persegue o "exterminio total" do lobo dos montes galegos.
DESMENTIDO
Tras esta denuncia pública realizada por Adega, diversas fontes puxéronse en contacto con PontevedraViva para asegurar que a loba abatida no video non foi cazada nos montes de Cotobade, senón no concello coruñés de Tordoia.