A Cámara atrévese a dar "receitas anticrise"
Por Oskar Viéitez
Coa que está caendo, dentro e fóra da Cámara de Comercio de Pontevedra, o ente cameral atrévese a organizar para o próximo día 14 ás 10:30 horas, unha conferencia dirixida ao sector da hostelería co suxerente título de "Receitas anticrise".
Durante a mesma trataranse diversos aspectos que o sector hosteleiro debe cambiar para adaptarse aos novos hábitos dos consumidores. A xestión e optimización de custos e lograr unha restauración de calidade cun custo axustado serán temas tamén abordados na conferencia de "Receitas anticrise".
A oferta dos restauradores debe adaptarse á evolución dos gustos dos clientes, ás novas tendencias do lecer e a novos aspectos socio-culturais e todo iso sen perder rentabilidade ou mellorándoa.
Desa adaptación ás novas expectativas e aos novos comportamentos dos clientes nos seus actos de consumo alimentario fose do fogar e de como os negocios deben dar resposta a estes cambios tratará a conferencia que a Cámara Pontevedresa ofrece a todas as empresas das súas demarcación que se dedican á hostelería e que será impartida por técnicos da firma Cociña Base.
O novo Presidente en funcións da Cámara quere que os hosteleiros poidan poñer en práctica as ideas desta conferencia en Semana Santa onde aumenta considerablemente o número de visitantes á nosa comarca.
A cita é o Salón de Actos da Cámara e será gratuita para as empresas que estean dadas de alta na Institución (alta voluntaria que non ten custo algún para as empresas). Aquelas entidades que non se deron de alta deberán aboar 10 euros.