Unha campaña vixiará que as furgonetas de venda ambulante trasladen os produtos frescos en condicións
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio e a Dirección General de Tráfico (DGT) poñerán en marcha durante a próxima semana unha campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas na que se realizará un especial control de furgonetas dedicadas á venda ambulante no municipio.
Segundo indicou o xefe da Policía Local de Poio, Antonio Duarte, centraranse neses vehículos de venda ambulante para evitar o transporte de produtos perecedoiros en vehículos non autorizados para tal fin.
A campaña realizarase entre o luns 13 e o domingo 19 de febreiro e implicará inspeccións sobre os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas, elementos de seguridade) e os condutores (permisos, tempos de condución, descansos, taxa de alcol...).
Por mor desta campaña, a DGT lembra que a condución dunha furgoneta non é igual á dun turismo, xa que o comportamento dinámico é diferente, sobre todo cando vai cargada. Neste tipo de vehículos, é máis elevado o número de incidencias relacionadas con saídas da vía e vehículos que envorcan, debido en moitas ocasións ao exceso de carga ou á súa mala colocación.
Actualmente, os camións e furgonetas representan o 15% do total do parque nacional de vehículos e a súa condución é maior que nos turismos debido á carga que transportan e a un menor equipamento, en xeral, de seguridade activa e pasiva. Detectouse, así mesmo, unha maior tendencia á distracción por parte do condutor debido á posición elevada da cabina e á menor velocidade do vehículo, así como un menor uso do cinto de seguridade. Ademais, existe un maior risco para os ocupantes doutros vehículos e para os peóns, especialmente en zona urbana.
A velocidade e o exceso de horas de condución son as infraccións máis habituais neste tipo de vehículos -o 40% do total-. No caso concreto das furgonetas, as sancións máis habituais están relacionadas con excesos de velocidade, a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) e exceso de peso e disposición da carga.