Precintan unha casa en Marcón e restrinxen o tráfico por risco de derruba
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Efectivos do corpo de Bombeiros de Pontevedra precintaron este sábado unha vivenda abandonada de Marcón despois de que á primeira hora da tarde recibírase unha queixa veciñal por risco de derrube e un informe preliminar recomendase a adopción de medidas urxentes. A casa permanecerá acordoada e un anaco da estrada PO-542 no tramo O Pino-Bora cortada ata que se tome unha decisión sobre o seu futuro ante o seu evidente mal estado de conservación.
Todo ocorreu sobre as 15.50 horas deste sábado, cando unha veciña de Marcón alertou ao 112 de que había risco de que viñese abaixo a bufarda dunha casa situada nas inmediacións do coñecido bar Emiliano. Os bombeiros desprazáronse ao momento ao lugar e durante as dúas horas seguintes realizouse unha revisión de urxencia da vivenda.
Ata o lugar desprazáronse dúas dotacións dos bombeiros pontevedreses e o xefe do servizo, Miguel Estévez. En declaracións a PontevedraViva, explicou que este sábado non se actuaría, pero a súa conclusión provisional é que é necesario adoptar medidas urxentes para garantir a seguridade e o luns sen demora haberá que empezar a buscar a solución.
En base á inspección ocular realizada na casa, á reportaxe fotográfica recollida e a máis elementos de valoración profesional, Miguel Estévez elaborará un informe sobre a situación do inmoble e trasladarao ao departamento municipal de Urbanismo, que deberá ser o que tome unha decisión sobre o particular. Tamén deberá poñerse en contacto cos propietarios, a quen este sábado foi complicado localizar.
Mentres tanto, como medida preventiva, a casa quedou acordoada e a Garda Civil de Tráfico instalou conos para evitar que vehículos e peóns circulen pegados á vivenda. O tráfico quedou regulado e a estrada sinalizada provisionalmente para modificar os dous carrís de circulación nun tramo duns 100 metros da estrada O Pino-Bora entre o cruzamento con semáforos de Emiliano e a zona da casa parroquial de Marcón.
Ao lugar tamén se trasladaron técnicos da compañía Elecnor: infraestruturas, enerxías renovables e novas tecnoloxías. Os especialistas foron alertados porque a bufarda da casa está pegada a unha serie de cables de subministración eléctrica e telefónica que sería necesario retirar en caso de actuar na casa. Este sábado non foi necesaria a súa intervención, pero non se descarta que teñan que regresar nos próximos días.
Ademais, trasladáronse á zona traballadores do servizo de mantemento de Estradas en previsión da caída de cascotes ou restos da vivenda á estrada, pois o inmoble está xusto ao pé do viario, sen apenas separación. Finalmente, tampouco actuaron.
Pasadas as 18.00 horas deste venres, a intervención deuse por terminada, pero pendente de que o luns se emitan informes e tomen decisións. Fontes veciñais confirmaron que a vivenda leva anos en mal estado de conservación, pero sinalaron que nos últimos días puido sufrir unha deterioración importante por mor dos sucesivos temporais.