O CEP Riomaior de Vilaboa reforma a calefacción e cambia a cuberta cun investimento de 87.000 euros
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este venres, en compañía do alcalde de Vilaboa, Luís Poceiro, as obras executadas pola Consellería de Educación no CEP de Riomaior e que permitiron mellorar a instalación da calefacción deste centro.
O delegado territorial estivo acompañado na visita a este colexio polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Cambiouse a instalación da caldeira deste colexio porque o seu funcionamento era deficiente e isto provocaba un exceso de consumo de combustible e a incomodidade dos usuarios.
Na sala de caldeiras independizouse o circuíto hidráulico e instalouse un regulador. Reformáronse os circuítos da parte nova do centro e levouse a cabo o revestimento interior do depósito de combustible subterráneo. O orzamento global foi de case 57.000 euros.
Cores Tourís tamén destacou que se van a investir a maiores outros 30.000 euros para cambiar a cuberta do edificio onde se atopa a caldeira, xa que se viu afectada polo último temporal.