Provoca un accidente ao caer a árbore que estaba a tallar á vía rápida
Por Oskar Viéitez
Un home que estaba a tallar un eucalipto provocou un accidente de tráfico ao caerlle a árbore á vía rápida VRG-4.3, que comunica Cambados con Vilagarcía.
Segundo informaron desde Protección Civil de Cambados o sinistro tivo lugar este xoves pola tarde no termo municipal de Vilanova de Arousa.
O home estaba a tallar a árbore cando o tronco fixo un xiro imprevisto esborrallándose cara ao lado contrario ao agardado.
A árbore invadiu un carril da estrada xusto no momento no que pasaba un vehículo, e aínda que a condutora invadiu o carril contrario para esquivalo, o coche resultou danado ao pasar por enriba.
Afortunadamente as dúas ocupantes do turismo resultaron ilesas.