O PSOE pide que se desbloquee o ENIL dos Gafos e a Xunta responde que segue a súa tramitación habitual
Por Redacción
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, a pontevedresa Patricia Vilán, reclamou este xoves á Xunta o desbloqueo da declaración como Espazo Natural de Interese Local Enil- do tramo pontevedrés do río dos Gafos. A Xunta respondeulle que non está paralizada, senón que "segue a súa tramitación habitual".
Vilán presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento diante da que considera paralización "inxustificada" desta declaración durante dous anos por parte da Xunta. A responsable socialista sinala que a Xunta ten paralizado o procedemento "por motivos descoñecidos", provocando que o trámite se achegue aos dous anos, prazo máximo permitido para o recoñecemento como Enil.
O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García- Borregón, respondeulle que o 15 de xaneiro se recibiu na Consellería de Medio Ambiente a única alegación presentada, a da Comunidade de Usuarios de Veiga da Fonte, que se terá en conta e que se porá en coñecemento do Concello de Pontevedra, para seguir coa súa tramitación.
A parlamentaria socialista sinala que "os motivos non os entedemos, non se comunican" e engade que "o retraso é inxustificado" e, logo de que a Xunta atribuíse o retraso ás alegacións dos veciños, anunciou a súa "vixilancia" ante o proceso.
Vilán reclamou o desbloqueo da declaración para protexer "o propio río, o bosque de ribeira, os bosques naturais de especies autóctonas e as formacións naturais de matogueiras". Engadiu que esta figura "configura unha interesante representación, a nivel local, dalgúns hábitats de interese comunitario definidos pola Directiva europea relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre".
A Xunta non contradí a importancia desta declaración, senón que engade que a razón principal para realizar esta declaración de espazo natural é a conservación dunha zona cun alto valor ecolóxico e paisaxístico, a nivel local, con especies representativas dende o punto de vista botánico e entomolóxico, así como tamén unha grande riqueza ornitolóxica.