EDUGAL: Tres días para que os estudantes analicen o seu futuro vencellado ás empresas
Por Redacción
O Recinto Feiral acollerá desde o mércores 15 ata o venres 17 diferentes actividades e propostas para que os estudantes poidan comprobar a vinculación entre os estudos e o traballo dentro do Salón da oferta de educación e formación de Galicia, EDUGAL, que organiza AEMPE en colaboración co Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial.
Este mércores na Casa da Luz presentábase esta edición coa presenza do presidente de AEMPE, José María Araújo; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares; o director do centro Luís Seoane, Carlos García e Conchi Pereiro, directiva da Asociación da mediana e pequena empresa de Pontevedra.
No Recinto Feiral poderanse visitar cincuenta casetas nas que están representados numerosos centros de ensino de toda Galicia con actividades como utilización de drons e animación audiovisual. Tamén se poderán comprobar o viño elaborado con cultivos ecolóxicos, propostas teatrais e mesmo a relación da educación con Google. Todo co obxectivo de que os alumnos vexan saídas profesionais para os seus estudos.
A actividade desenvólvese desde as 10.30 ata as 13.30 horas en sesión matinal. Mentres que, polas tardes, a actividade 16.00 a 19.30 horas. coa actuación de estudantes do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, Xingra Jazz Quarte e de Brass Band.
Pérez Ares destacou o incremento da demanda de estudos de Formación Profesional durante os últimos anos en detrimento do Bacharelato. E engadiu que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo con investimentos nos centros de Pontevedra. Neste sentido, destacou o proxecto de eficiencia enerxética cun orzamento de 546.000 euros. Afirmou tamén que durante os próxmos días abrirán o taller de repostería no Centro de Hostalería Carlos Oroza. Un centro que participará nesta edición de Edugal coa elaboración de aperitivos por parte dos estudantes.