Quen leva máis de dous anos sen cambiar de roupa de traballo?
Por Oskar Viéitez
Os membros do comité de empresa do persoal laboral das consellerías de Infraestruturas e Vivenda e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra emitiron un comunicado no que denuncian "o repetido incumprimento das entregas da roupa de traballo e equipos de protección individual aos traballadores".
O convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia establece a periodicidade coa que esta administración debe entregar a roupa de traballo aos traballadores de cada categoría profesional. "Actualmente o persoal leva máis de dous anos sen recibila, incumprindo outra vez máis a normativa", sinalan no seu escrito.
O comité de empresa afirma que as consellerías nas que prestan servizo "incumpren repetidamente os prazos legais de entrega do vestiario e calzado de traballo". Aseguran que foi reclamada en repetidas ocasións, tanto de xeito oral coma por escrito, a obriga de facilitar a roupa de traballo, mais "non se nos facilita ningún tipo de resposta nin se convocan os procedementos de contratación necesarios para a adquisición deste material".
Na maioría dos casos a propia roupa de traballo constitúe en si mesma un equipo de protección individual do traballador, coma por exemplo o calzado de traballo ou o vestiario de alta visibilidade nos casos dos traballadores de estradas.
Lembra o comité de empresa que resulta "imprescindible que estes equipos estean en bo estado", para coidar da saúde e integridade física dos traballadores, xa que "en moitos casos a súa vida depende directamente da visibilidade que ofrecen".
É por este motivo polo que o 14 de outubro de 2016 presentaron unha denuncia ante a Inspección de Traballo da Seguridade Social por este incumprimento, aínda que a día de hoxe non teñen novidades e continúan á espera de que a Xunta de Galicia cumpra coa súa obriga legal.
"Se tódolos días se nos fai chegar a mensaxe de que a crise económica xa é historia e xa hai cartos, por que a Xunta non cumpre coa súa obriga legal de protexer aos seus traballadores? A que se debe a pasividade da Inspección de Traballo da Seguridade Social?", conclúe o comite de empresa.