A reforma do Nó de Bombeiros ascenderá a cinco millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Un total de cinco millóns de euros. É o custo que, segundo Fomento, supoñerá a reforma do coñecido como Nó de Bombeiros, a entrada norte da autoestrada AP-9 en Pontevedra. Así figura no proxecto elaborado polo ministerio, segundo desvelou César Mosquera.
Os técnicos da demarcación provincial de estradas confirmaron que Fomento incorporou todas as suxestións feitas polo Concello a este proxecto para mellorar os tráficos peonís e ciclistas na ponte da autoestrada.
O proxecto está pendente da licitación da obra, e á espera de decidir se se executaría co protocolo asinado entre Fomento e Audasa para mellorar a autoestrada en distintos puntos de Galicia como Rande ou Santiago de Compostela. Pontevedra debería entrar tamén nel.
Ademais, o Concello solicitará á Xunta o arranxo da pavimentación no Nó de Bombeiros actual, que se atopa en moi mal estado. A titularidade desta vía compártena a Xunta e o Ministerio, pero Fomento aclarou que o mantemento desa zona correspóndelle ao goberno galego.
Dentro do convenio asinado con Fomento no seu día, Mosquera asegurou que queda un remanente de 600.000 euros que o Concello pedirá que se reinvista en Pontevedra. Para o goberno local o ideal sería destinar eses fondos á avenida Josefina Arruti, para facer a ponte que una a avenida coa estación de autobuses.
O alcalde e o concelleiro de Infraestruturas, que asistiron á reunión en nome do Concello, acordaron enviar ao departamento provincial de Estradas de Fomento o anteproxecto elaborado polo Concello para esa vía.
Ademais, o goberno pediu a Fomento que lle dea continuidade ao paseo a Marín na zona do Cabo e na rotonda de acceso ao porto de Marín. O Concello quedou de enviarlle algunha proposta ao departamento de Estradas para que poidan estudar as opcións e ver a viabilidade de continuar a senda peonil e ciclista cara Estribela.
Na axenda de asuntos tamén se abordou a necesidade de asfaltar parte da rotonda de Mollabao que dá acceso á autovía de Marín e á PO-11; e pediron que os camións que accedan á fábrica de Ence o fagan pola autovía de Marín, xa que a estrada vella é un viario pouco adecuado para este tipo de cargas, ao estar moi urbanizado e ter moito tránsito de peóns.
Por último, o alcalde tamén solicitou que se mellore a sinalización turística nos accesos de entrada á cidade, especialmente dende a autoestrada.
Relacionadas:
-
Eliminan as fochancas do Nó de Bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Avanzan con atraso as obras para ampliar a capacidade da peaxe de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento garante que a A-57 chegará ata Curro
Por Alejandro Espiño |
-
Lores pedirá a Fomento unha solución para o "scalextric" de Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
Seis millóns de euros para a reforma do nó de Bombeiros e os accesos á AP-9
Por Alejandro Espiño |