Un informe de Bombeiros alerta do "desastroso" estado da ponte da Barca
Por Alejandro Espiño
A situación actual da ponte da Barca é "desastrosa" e, no caso de que se rexistre un novo temporal, deberíase pechar ao existir un perigo "real" para a seguridade das persoas que utilizan esta vía de comunicación entre Pontevedra e Poio.
Así de contundente é o informe técnico elaborado polos Bombeiros de Pontevedra, despois das numerosas incidencias que atenderon na zona nos últimos días. Recomendan unha actuación "urxente" para solucionar as deficiencias detectadas na cuberta e na estrutura da ponte.
O informe, asinado polo xefe de Bombeiros, lembra que a pasada fin de semana os corpos de emerxencia acudiron ata en catro ocasiones á ponte, por desprendementos na cuberta metálica. Pero a revisión realizada foi moito máis alá.
A estrutura de madeira que dá forma ás marquesiñas peonís en ambas as marxes da ponte atópase nun estado "precario" e mesmo "podrecida" nalgunhas zonas, a iluminación está deteriorada "case na súa totalidade" e representa un risco de desprendemento ou de electrocución e as pezas metálicas da cuberta son "inestables".
Os bombeiros lembran que as pezas da cuberta que non corren o perigo de desprenderse xa foron tratadas e fixadas no seu día por eles, polo que aseguran que a falta de mantemento da infraestrutura é "reiterada".
Os Bombeiros recomendan que se interrompa o paso dos peóns pola ponte se non é posible garantir a súa seguridade
Ante esta situación, para garantir a seguridade cidadá, o informe apunta á necesidade de que a Xunta, administración titular da ponte, realice unha inspección urxente e ordene a realización dos traballos necesarios para fixar o material inestable e para substituír, consolidar e rehabilitar os tramos que presenten deficiencias.
Ademais, recomendan que se interrompa o paso dos peóns pola ponte se non é posible garantir a súa seguridade.
O Concello xa trasladou este informe á Xunta, segundo explicou este mércores o concelleiro César Mosquera.
"Agardamos que a Xunta, que ten as competencias sobre a ponte da Barca, actúe en breve", sinalou Mosquera, que engadiu que "se hai outra borrasca pecharase" ante o risco de que se poidan producir novos desprendementos que poderían afectar non só á seguridade dos peóns senón tamén á circulación pola autoestrada que pasa por baixo.
Relacionadas:
-
Un dron revisa a estrutura de madeira da Ponte da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío 'desatasca' o río dos Gafos despois dos temporais
Por Redacción |
-
Ollo na costa! Chega un novo temporal
Por Redacción |
-
A ponte da Barca é "segura", segundo a Xunta, que ultima un proxecto de rehabilitación
Por Redacción |
-
Restrinxido o paso de peóns pola ponte da Barca polos danos do temporal
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Cortan o tráfico na AP-9 tras desprenderse a cuberta da ponte da Barca
Por Alejandro Espiño |