De ruínas a cascallos, en tres días
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Tras preto de nove anos declarado en ruínas, desde este martes empezou a quedar reducido a cascallos. É o edificio que ata agora se levantaba entre os números 19 e 21 da avenida da Barca, en Poio, e as tarefas de demolición están a causar tanta expectación como no seu día o inicio da súa deterioración, que o mantiña desde hai anos apontoado.
Os propietarios do inmoble están a cumprir esta semana a orde municipal de demolición do inmoble e, segundo confirmou a empresa responsable da derriba á Policía Local de Poio, os traballos prolongaranse previsiblemente ata o venres. Tras a primeira xornada de actuacións, confírmase que vai a bo ritmo.
As espectaculares tarefas de derriba comezaron sobre as 11.00 horas e, tal e como xa avanzara a Policía Local, levaron a posta en marcha dun dispositivo especial de tráfico e o corte á circulación rodada do tramo desde a rotonda da Barca ata a rúa Andurique en dirección a Poio, quedando aberto o carril en dirección a Pontevedra.
Nas primeiras horas de operativo, os axentes municipais que controlan o cumprimento do plan de tráfico constataron que houbo algún camión que se saltou a prohibición de circular pola zona e, aos poucos metros, viuse obrigado a dar a volta, pero a Policía Local sostén que, en xeral, o operativo está a funcionar correctamente.
Como parte do operativo, queda prohibido o tráfico de vehículos pesados na zona da Barca e A Caeira fóra dos servizos, transporte escolar ou transporte regular de persoas. Desde A Barca en dirección A Caeira o acceso está aberto de subida, pero quedará pechado ao tráfico o carril de baixada. Ademais, desde a PO-310 pódese circular en dirección ao polígono e en dirección a Antelo e Mariño cara á Rúa Andurique.
O plan de tráfico recomenda circular pola variante, desde a estrada de Vilagarcía en dirección Sanxenxo, e utilizar tamén o polígono do Vao para circunvalar a zona de obras cara a Poio.