Evita ir a prisión por tráfico de drogas porque era adicto e desintoxicouse
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Cambados J.R.R. confesou este martes ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial que en novembro do ano 2015 vendeu droga no seu domicilio e, tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía, aceptou que lle impoñan unha pena de tres anos de prisión, pero, ao mesmo tempo, que non teña en entrar no cárcere a cambio de non delinquir e non volver caer na súa adicción ás sustancias estupefacientes que tiña cando cometeu o delito.
O fiscal pedía inicialmente para J.R.R. catro anos de prisión como autor dun delito de tráfico de drogas e o pago dunha multa de 4.000 euros. A sanción económica mantense, pero a prisión reduciuse porque o fiscal tivo en conta a circustancia atenuante de drogadicción.
Coa conformidade tanto da defensa do acusado como do fiscal, suspenderase a súa pena para que evite o ingreso en prisión, pero todo condicionado a un tratamento de desintoxicación e a cinco anos sen cometer ningún delito. Curiosamente, ese tratamento de deshabituación xa está terminado e, segundo constataron fontes xudiciais este martes, o acusado xa está dado de alta e "limpo" de drogas.
O acusado e o fiscal anunciaron que non recorrerán a sentenza, de modo que a Sección Segunda da Audiencia ditará unha resolución condenatoria nos termos acordados por ambas as partes que xa será firme e non recurrible.
O acusado foi detido en novembro de 2015 como consecuencia dunha denuncia cidadá na que se poñía de manifesto a existencia dun punto de venda de droga na súa vivenda en Cambados. A Garda Civil realizou un dispositivo de vixilancia nas inmediacións da casa e puido comprobar que desde a vía pública percibíase un forte cheiro característico das plantas de cannabis sativa que procedía do interior da vivenda.
Ademais, tras varias vixilancias os días 7,15 e 16 de outubro e 4 de novembro de 2015, os axentes comprobaron que o inmoble era frecuentado por numerosas persoas que, cando saían do mesmo, levaban diversas cantidades de marihuana. Con autorización xudicial realizaron un rexistro no que localizaron 6,639 gramos de cocaína, 289,5 gramos de marihuana e 1.832 gramos de haxix.
Ademais, interviñeron diversos elementos utilizados no cultivo das plantas, entre eles temporizadores, ventiladores, focos de calor ou pantallas reflectoras, así como básculas e bolsitas para a pesada das substancias e 530 euros en efectivo.