Sanxenxo reclama medidas á Xunta para incrementar a seguridade dos peóns
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa, mantiveron este martes unha reunión na Delegación Territorial de Infraestruturas co xefe territorial, José Luis Díaz Yañez e co xefe de servizo da delegación provincial, Fausto Núñez na que abordaron diferentes cuestións relacionadas coa seguridade viaria en Sanxenxo en estradas de titularidade autonómica.
Así, Vanessa Rodríguez Búa demandou unha actuación na rúa Progreso, fronte ao Hotel Terraza. E é que nesta zona de aparcadoiro os coches chegan a invadir a beirarrúa, polo que a concelleira de Seguridade solicitou a instalación dalgún tope que free aos coches e garanta que o paso pola beirarrúa para os peóns.
Os responsables da Xefatura Provincial atenderon tamén a petición de Sanxenxo de pintado dos carrís na rotonda de Arnelas, unha cuestión que desde a Concellería de Seguridade consideran que pode contribuír a unha mellor regulación do tráfico, sobre todo en momento de máxima concentración, como é o período estival.
Con todo non todas as peticións formuladas por Sanxenxo foron atendidas. A concelleira de Seguridade deu traslado á Xefatura Provincial da petición dun grupo de veciños de Bordóns que solicitaban o pintado dunha liña descontinua á altura da subida a O Sear. O ancho deste viario e a concentración de accidentes neste tramo foron os argumentos esgrimidos pola Xunta para descartar a substitución da liña continua actual por unha descontinua.
Segundo criterios dos técnicos da Xunta, as condicións da estrada tampouco permiten o pintado dun paso de peóns en Touticeira, en Vilalonga, polo que o Concello continuará traballando para resolver un problema que agrava a seguridade dos peóns que ven na obrigación de cruzar esta estrada.
Ademais, a edil de Seguridade reiterou á Xefatura Provincial a necesidade de aumentar a altura do valado situado xunto ao parque infantil de Nantes, que linda coa vía rápida; unha cuestión que xa fora solicitada o pasado mes de xuño. Desde a Xefatura Provincial comprometéronse a trasladar esta demanda ao Servizo de Alta Capacidade, do que depende a vía rápida.