Sete persoas do Vao, investigados por tratar de impedir a golpes a detención dun veciño
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil procedeu á investigación de sete persoas residentes no poboado do Vao de Abaixo, no municipio de Poio, acusados da comisión de varios delitos contra a orde pública, ao tratar de impedir de forma violenta a detención dun veciño que fora arrestado por orde xudicial.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon a finais do pasado mes de decembro nas inmediacións do poboado, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Pontevedra intercepta un vehículo no que circulaba un veciño do poboado, O.S.L., sobre o que recaía unha orde xudicial de detención e ingreso en prisión, para cumprir unha condena que tiña pendente por un delito de furto.
Cando estaba a ser detido, esta persoa comezou a gritar e un considerable número de veciños acudiron no seu auxilio e trataron de impedir o seu arresto, actuando de forma violenta contra os compoñentes da patrulla con insultos, empuxóns e agresións físicas.
Coa decisiva actuación dos tres efectivos que compoñían a patrulla, que tivo que intervir con serenidade e firmeza en evitación doutros incidentes máis graves, púidose evitar que estas persoas conseguisen o obxectivo de liberar ao detido e, finalmente, foi posto a disposición da autoridade xudicial reclamante e ingresado en prisión.
Como consecuencia deste altercado, o Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas levou a cabo unha investigación para identificar as persoas que interviñeran nos incidentes e determinar o suposto grao de responsabilidade e participación nos mesmos.
As dilixencias concluíron este luns coa identificación de sete veciños do Vao de Abaixo, como principais instigadores, que foron citados en calidade de investigados. A todos eles acúsaselles da comisión dun delito de atentado, resistencia e desobediencia aos axentes da autoridade e a algún deles investígaselles tamén por outros delitos, como danos, ameazas e lesións.