O PP denuncia que Poio perde 150.000 euros en investimentos polas débedas do bipartito
Por Redacción
A xunta de goberno de Poio solicitou desviar 149.242 euros do Plan Concellos para pagar débedas de anteriores exercicios, segundo denuncia o portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes. Os populares sinalan que este diñeiro réstase de investimentos e melloras para os veciños, algo que Moldes cualifica como unha pésima xestión por parte do BNG e do PSOE.
Indican que 60.000 euros se atopan pendentes da reparación da avaría da canalización da rúa Maceira en febreiro de 2016, meses despois da finalización das obras de acondicionamento financiadas polo anterior goberno da Deputación. "É vergoñoso. O Concello meteu 60.000 euros para reparar os danos dunha obra recentemente inaugurada e aquí ninguén asume ningunha responsabilidade", indicou Ángel Moldes.
O portavoz popular está sorprendido pola falta de proxecto de orzamento para 2017 nun goberno estable e denuncia a indefinición do bipartito que, entende, prexudica aos veciños porque a falta de orzamento condiciona os investimentos do resto de administracións, apunta Moldes.