Piden aos grupos municipais que apoien a "blindaxe constitucional" das pensións
Por Redacción
Representantes da Mesa Estatal Pro-Referéndum de las Pensiones (MERP) acudiron este luns ao Concello de Pontevedra para presentar unha solicitude para que os grupos municipais apoien a "blindaxe constitucional" das pensións.
En pouco máis dun mes, a MERP presentou a proposta de moción aos grupos municipais de 50 concellos en toda España como primeiro paso dunha campaña no ámbito municipal para estender a esixencia da blindaxe constitucional das pensións por todos os recunchos do país. Xa son varios concellos os que aprobaron a moción, o de San Sebastián de los Reyes na Comunidad de Madrid, o de Ibros en Xaén, o de Pamplona, Zaragoza, Paterna en Valencia, Santa Cruz de la Palma en Tenerife, Hopitalet e Terrassa en Barcelona, entre outros.
Segundo portavoces da MERP, as organizacións confían en que a moción sexa apoiada por todos os grupos e aprobada en centos de municipios nos próximos meses e nas principais capitais. "Estamos a falar con todos os grupos municipais, sen importar a súa cor, e todos nos están recibindo extraordinariamente".
Desde a MERP pretenden que o mesmo que se fixo co artigo 135 da Constitución para blindar o pago da débeda aos acredores se faga coas pensións.
A plataforma fixo entrega de 700.000 firmas aos defensores do pobo autonómicos. A moción da MERP trata de poñer o sistema público de pensións "por encima da cor do goberno de quenda, da correlación de forzas no Congreso ou dos debates ao redor das formas de financiamento ou as alternativas de xestión das pensións".
Relacionadas:
-
Os xubilados saen á rúa en defensa das pensións
Por Mónica Patxot |
-
Protestas sindicais para defender o emprego, salarios dignos e pensións ante a Subdelegación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
RADIO.- "Hai alternativas para garantir as pensións. A política do medo non é válida"
Por Marisa Ciordia |