O PP denuncia a parálise das áreas encomendadas ao concelleiro Luis Bará
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra vén de denunciar públicamente "a parálise das áreas encomendadas a Luis Bará" unha situación que sinalan coma "evidente" xa que "son moitos pontevedreses os que están a sufrir as consecuencias".
"A Concellería de Mobilidade está sumida no máis absoluto abandono", denunciou o concelleiro popular, César Abal.
Como exemplos César Abal citou o "desleixo do BNG cos veciños de Mollabao" ao constatarse que durante máis dun ano non se encargou proxecto de humanización para a zona, lembrou o edil popular, "e agora son os veciños de Médico Ballina os que están a pagar as consecuencias da desidia do concelleiro nacionalista Luis Bará".
O PP vén de presentar unha moción coa que esixe ao BNG que cumpra cos veciños da contorna de Médico Ballina, en Lérez, e "instale na zona o parque infantil prometido".
Segundo o Partido Popular, durante a asemblea veciñal celebrada en novembro de 2015, os nacionalistas aseguraron que, unha vez que ADIF cedese ao Concello o terreo sobre o túnel do tren, iniciarían de xeito inmediato a construción desta instalación. "A cesión fíxose efectiva en marzo de 2016, e case un ano despois, todo segue exactamente igual: os veciños de Médico Ballina continúan esperando a que o BNG de Lores cumpra", sinalou este luns César Abal.
"A través da comisión de seguimento do AVE, xa se sabía que a cesión dos terreos sobre o falso túnel sería unha realidade en canto rematasen os traballos", puntualizou o edil popular, quen considera que "non existe xustificación algunha" para que o proxecto non estea xa redactado.
"É inadmisible que, case un ano despois, dito proxecto aínda non saíse dos servizos técnicos, máxime cando era unha das 90 medidas que o BNG se comprometera a levar a cabo nos primeiros 100 días de goberno", puntualizou o concelleiro popular.
Ademais da moción presentada esta mesma mañá, os populares insisten en que "o alcalde debe tomar cartas no asunto" para "poñer orde na Concellería de Mobilidade, Ordenación do Territorio e Servizos encomendada a Luis Bará".
"Veremos proximamente na liquidación do orzamento municipal do ano 2016 o grado de inexecución que se alcanzou", avanzou.
Relacionadas:
-
O PP quere saber cal é o proxecto de Lores para este mandato
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan dunha vertedura de entullos baixo a ponte da autoestrada en Mollabao
Por Redacción |
-
O PP critica o atraso na construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
Campolongo e Médico Ballina completarán a rede de parques infantís de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide un plan urxente de actuación para mellorar o barrio de Campolongo
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman ao Concello unha actuación integral en Mollabao
Por Redacción |