A fonte de Vilarchán e a Casa do Pobo de Mirón, obras rematadas en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas realizou melloras na Quintán, Mirón e Vilarchán. As obras foron revisadas durante estes días polo alcalde Andrés Díaz e o concelleiro Manuel Barreiro.
Na Quintán instalouse un elemento para a recollida de augas pluviais na estrada co obxectivo de que evite, definitivamente, a entrada de auga nunha vivenda. Trátase dun dos casos de deficiencias no tratamento de augas pluviais que o goberno local sinala que afectan a todo o municipio. Neste lugar, a auga acababa derivándose ao centro de saúde.
En Vilarchán tamén se acometeu unha obra demandada polos veciños coa reparación dunha antiga mina de auga. Arrombouse o chafariz da fonte, cunha canle de pedra e un pequeno lavadoiro.
Pola súa banda en Mirón retirouse un poste que afectaba á Casa do Pobo e que provocaba humidades, ademais de mal efecto estético. Aproveitouse este traballo para acondicionar a instalación polo exterior, coa dotación dunha drenaxe e dun novo pavimento de formigón. No interior ademais de eliminar humidades pintáronse as paredes e os teitos.
O goberno local tripartito ten previsto manter novas reunións cos veciños nos 33 núcleos de poboación para recoller as demandas e poder acometer novas obras a partir da primavera.