Pontevedra cifra en 2,2 millóns de euros os danos provocados polo temporal
Por Alejandro Espiño
Os temporais que azoutaron Galicia durante os últimos días, denominados Kurt e Leiv, provocaron danos millonarios na cidade de Pontevedra. A primeira estimación que fixo o Concello de Pontevedra cifra en 2,2 millóns de euros o custo de reparación das desfeitas que ambos os temporais deixaron ao seu paso.
Así o desvelou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que explicou que o dano na iluminación pública é "considerable", do mesmo xeito que nas cunetas da vías rurais ou nos xardíns de todo o municipio. E todo iso, dixo, "sen ver aínda" os danos que pode haber na rede de saneamento e de pluviais.
Ademais, as intensas choivas e o forte vento que acompañou a ambos os temporais derrubaron numerosas árbores e ocasionaron danos no pavimento das rúas, na cuberta de edificios municipais, en diferentes elementos do mobiliario urbano ou nos cemiterios.
Por todo iso, o Concello encargou aos servizos técnicos municipais que fagan unha "revisión profunda" de todos os danos causados polo temporal, de forma que se poidan orzar e contratar a súa reparación pola vía de emerxencia.
En todo caso, Raimundo González lembrou que estes son tan só os danos "directos", pero que non poderá coñecer os "ocultos", aqueles que non se revelarán "a curto ou medio prazo" como os danos no firme das estradas, nas redes de servizos ou a redución da vida útil das infraestruturas.
Con respecto ao operativo de emerxencia, desde o Concello quixeron felicitar a todos os corpos de seguridade, os servizos técnicos municipais e as empresas concesionarias dos servizos públicos polo seu traballo "coordinado" para facer fronte a un temporal que provocou unhas 200 incidencias na cidade, o peche de seis rúas e danos nuns 40 vehículos.
Para facer fronte a todas estas reparacións, o goberno municipal espera que a Xunta de Galicia ou a Estado abra unha liña de axudas para os concellos galegos aos que Pontevedra se presentaría. Ademais, confía en que os danos nas cubertas dos edificios municipais se poidan reclamar ás compañías aseguradoras.
Relacionadas:
-
A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez |
-
Reaberto o acceso á praia de Paxariñas tras o seu peche polo temporal
Por Antía Fernández Buján |
-
80 horas sen electricidade: "En este siglo, no pueden dejar cuatro días a los clientes sin luz"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Restrinxido o paso de peóns pola ponte da Barca polos danos do temporal
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
VÍDEO.- A segunda noite de temporal deixa multitude de pequenas incidencias na comarca
Por Diego Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Os danos do temporal chegan aos servizos públicos: xulgados, colexios, hospitais
Por Redacción |
-
Pontevedra, segunda cidade galega máis afectada polo temporal
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada