A demolición dun edificio obriga ao peche de tráfico da PO-308 na Barca desde o martes
Por Redacción
A Policía Local de Poio preparou un dispositivo especial de tráfico ante o peche á circulación rodada da PO-308 desde a rotonda da Barca.
O corte, obrigado polos traballos de demolición dun edificio en ruínas, será efectivo desde o vindeiro martes 7 de febreiro desde a rotonda ata a Rúa Andurique, e prolongarase ata o venres día 10.
Non se pechará ao tráfico a ponte da Barca, pero só para dar acceso á Caeira e en dirección ao polígono do Vao. De feito, desde A Barca en dirección A Caeira o acceso estará aberto de subida, pero quedará pechado ao tráfico o carril de baixada. Ademais desde a PO-310 pódese circular en dirección ao polígono e en dirección Antelo e Mariño cara á Rúa Andurique, segundo informa a Policía Local.
O plan de tráfico recomenda circular pola variante, desde a estrada de Vilagarcía en dirección Sanxenxo, e utilizar tamén o polígono do Vao para circunvalar a zona de obras cara a Poio.
Por último, queda prohibido o tráfico de vehículos pesados na zona da Barca e A Caeira a excepción dos servizos, transporte escolar ou transporte regular de persoas.