Un proxectil similar aos usados na Guerra Civil espera na Comandancia a ser destruído
Por Redacción
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra ten estes días un invitado inesperado e inusitado: un proxectil de uso militar de similares características aos utilizados na Guerra Civil Española. Tras ser localizado e neutralizado, agarda alí autorización para a súa total destrución. Destruirano unha vez concluídos os correspondentes informes técnicos do artefacto.
Segundo informou a Garda Civil, os especialistas Tedax do Servizo de Desactivación de Artefactos Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra recolleron o proxectil en Ponteareas. O propietario alertounos porque acababa de comprar a vivenda e, cando se dispoñía a realizar unha serie de obras de remodelación, localizouno no soto.
Ao comunicar o achado no cuartel da Garda Civil da súa localidade, os Tedax activaron o protocolo de actuación para a remoción e neutralización do proxectil. Tras adoptar as previdas medidas de seguridade e protección, todas as tarefas desenvolvéronse sen incidentes
O equipo confirma que se trata dun proxectil de uso militar, dun calibre moi pouco común (203,3 milímetros) e de fabricación nacional. Ten case un metro de lonxitude e 116 quilos de peso. Ao parecer, este tipo de munición soamente a utilizaban os canóns que montaban exclusivamente os buques de guerra da Armada Española do tipo 'Canarias'.
Os especialistas da Garda Civil lembran que, ante o achado dalgún artefacto explosivo, o recomendable é non tocar nin manipular o obxecto e avisar de inmediato á Garda Civil a través do teléfono 062.