Así foi o paso do Kurt polas nosas comarcas
Por Oskar Viéitez
O Institut für Meteorologie bautizou como Kurt á borrasca que na noite do xoves fíxose sentir na provincia de Pontevedra con fortes refachos de vento e intensos chuvascos.
SANXENXO
A incidencia máis destacable en Sanxenxo tivo lugar na Lanzada onde o forte vento levantou un tramo de 140 metros do paseo de madeira recentemente instalado pola Consellería de Infraestruturas, dentro do proxecto de seguridade viaria para a PO-308. O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, xunto ao delegado territorial da Xunta, Cores Tourís e ao director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez desprazáronse este venres ata A Lanzada para comprobar a dimensión do incidente.
A estrada estivo cortada ao tráfico entre as 5 da mañá e as 9.30 horas. O alcalde de Sanxenxo solicitou á Xunta que se repoñan os danos o máis axiña posible e que se incrementen as medidas de seguridade para evitar que futuros temporais poidan incidir na seguridade da senda.
Neste sentido, Francisco Menéndez explicou que "non é habitual que unha pasarela se comporte deste xeito" e recoñeceu que o vento entrou por baixo nun punto concreto, producindo un "efecto vela" e provocando o desprendemento dun tramo completo. O director da Axencia Galega de Infraestruturas garantiu que a senda estará reposta en breve adoptando para iso as medidas que eviten que volva repetirse un incidente como este.
"Adoptaranse medidas especiais de ancoraxe, ben poden ser lastres ou o ancorado nos puntos nos que exista muro", recoñecendo ademais que estas medidas non estiveron previstas ata agora "por ser excepcionais".
OUTRAS INCIDENCIAS
Colectores envorcados que entorpecían a circulación, árbores caídas sobre a vía pública, postes eléctricos ou de telefonía tombados, un veleiro encallado sobre as rocas en Baltar, unha caseta de venda de billetes envorcada no porto de Sanxenxo, o portón dun garaxe particular desprazado polo vento varios metros ou un farol tombado en Silgar son algunhas das múltiples incidencias rexistradas durante a xornada de hoxe.
BRIGADAS DA DEPUTACIÓN
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez informou que as brigadas de mantemento da rede de estradas da Deputación resolveron máis de 85 emerxencias causadas polo temporal nas vías provinciais (1.700 quilómetros) en apenas doce horas, dende as tres da madrugada ata as tres da tarde do venres. Os operarios conseguiron evitar que as estradas estiveran cortadas ao tráfico retirando árbores da vía, limpando plataformas, contendo muros caídos e achicando desbordamentos que creaban láminas de auga na calzada.
O PP lamentou que a Deputación non activara ningún dispositivo especial ante a alerta de temporal
O SALNÉS
As emerxencias máis salientables localizáronse na comarca do Salnés, sobre todo no Concello de Meis, alí o vento tirou unha árbore sobre o tendido eléctrico e de teléfono cortando parcialmente a estrada EP-9405 de Barrantes-Armenteira. Tamén caeron máis árbores na estrada entre Samieira e Busto (EP-9214), e na EP-9402 entre Mosteiro e Barrantes, onde foi necesaria unha intervención moi áxil debido a que o tronco cortaba toda a calzada. Noutro punto desa mesma vía tamén caeron os cables do tendido eléctrico e foi precisa a retirada de varias uralitas e a limpeza da plataforma. Houbo máis incidencias por árbores na EP-9403 entre Santo Tomé e San Salvador.
Finalmente, tamén no Salnés, o 112 alertou de ramas e árbores obstaculizando o paso nas estradas entre Vilanova e Ponte Arnelas (EP-9703), en Vilanova de Arousa.
PONTEVEDRA
En Pontevedra, os operarios provinciais retiraron árbores e polas por todas as estradas provinciais polas que facían o percorrido de zona. A primeira emerxencia derivada polo servizo do 112 foi na EP-0017 entre o Bao-Campañó por árbores e ramas na estrada, onde houbo que volver en varias ocasións por novas caídas.
Tamén se actuou pola caída dun poste e árbores na estrada EP-0001 entre Bértola-Canicouva- Ponte Sampaio, e polo desprendemento dun muro obstaculizando a calzada na estrada entre Xeve-Amil- Espedregueira (EP-0018). As brigadas da zona centro tamén acudiron á EP-0004 entre Marcón-Pintos- A Reigosa e á estrada entre Xoán XIII e Figueirido (EP- 0012) para retirar todos os elementos que caeran á vía.
BARRO
No municipio de Barro os operarios trasladáronse a retirar varias mimosas cortando a estrada Goulla-Porráns (EP-9707) , así como por árbores nas vías entre Curro e San Amaro (EP-0508) e na estrada entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai (EP-0505).
PONTE CALDELAS - CAMPOLAMEIRO
En Ponte Caldelas foi preciso limpar a plataforma e destaponar os sumidoiros para solucionar o desbordamento existente pola choiva na calzada da EP-0205 entre A Reigosa e Taboadelo, mentres que no municipio de Campolameiro houbo que retirar árbores na estrada de Chacente-Morillas- San Isidro (EP-8305).
POIO
No Concello de Poio o traballo foi inxente na estrada EP-0602 entre Portosanto-Lourido e Campelo.
MARÍN
No concello de Marín, na EP-0019 entre Figueirido e Marín por unha árbore que invadía parcialmente a estrada, sendo retirada inmediatamente pola brigada ás 5.05 da mañá. Tamén foi preciso traballar na retirada doutra árbore de grandes dimensións que caeu na estrada EP-0103 entre a N-550 e o Lago de Castiñeiras en Vilaboa, onde os operarios estiveron durante bastante tempo para facilitar o tránsito de vehículos. Tamén no mesmo concello os operarios retiraron árbores e polas da EP-0101 entre Postemirón e Acuña.
BUEU
No Concello de Bueu rexistráronse varias incidencias por mor do temporal desta madrugada: a zona da Banda do Río foi das máis afectadas, xa que a ela chegou unha grande cantidade de area que invadiu as rúas e o parque, no que tamén houbo estragos. Ademais, rexistráronse varias árbores caídas sobre tendido eléctrico, caso da zona da Pousada, en Cela, ademais de estradas cheas de ramaxe, contedores movidos e sinais de tráfico caídas. A araucaria da Praza Massó tamén se viu afectada, con varias pólas dobradas.
UMIA
Na comarca de Caldas as brigadas traballaron no ámbito municipal de Moraña na estrada EP-0018 entre Xeve-Amil – Espedregueira retirando polas e árbores, así como limpando unha mancha de aceite en todo o treito da estrada entre Caldas e Catoira (EP-8001) que facía perigoso o tránsito de vehículos por perigo de escorregar.
O temporal no Concello de Cuntis afectou principalmente as vias municipais e estradas de Deputación e autonómicas. Os servizos de Protección Civil atenderon máis de 50 incidencias de caída de árbores, liñas eléctricas e de teléfono. Quedaron sen servizo de electricidade as parroquias de Estacas, Herves e Troáns entre outras. A parroquia de Portela foi a máis afectada con varias vivendas que sufriron danos considerables nos seus tellados.
Relacionadas:
-
O Concello de Marín invita os veciños a reclamar polos danos do temporal
Por Redacción |
-
A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación asegura que durante o temporal traballaron sete das nove brigadas provinciais
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O río Gallo desborda en Cuntis e o asfalto abre en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Restrinxido o paso de peóns pola ponte da Barca polos danos do temporal
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Preto de 23.000 persoas na provincia seguen sufrindo cortes de luz polo temporal
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A segunda noite de temporal deixa multitude de pequenas incidencias na comarca
Por Diego Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Os danos do temporal chegan aos servizos públicos: xulgados, colexios, hospitais
Por Redacción |
-
Suspenden ata o martes as clases o IES Chan do Monte tras desprenderse a cuberta
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, segunda cidade galega máis afectada polo temporal
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada