Quince detidos en Pontevedra nunha operación contra unha rede internacional de tráfico de heroína
Por Redacción
Sete detidos en Poio -seis españois e un portugués-, un en Vilanova de Arousa e outro na Lama. É o balance que arroxa a operación Galeaza, desenvolvida pola Garda Civil en Madrid, Pontevedra e Ourense contra o tráfico de drogas. O resto de detidos, ata un total de quince, operaban no sur da provincia.
En total, a operación arroxa un balance de 29 persoas detidas en toda España. Todos eles pertencen, segundo os investigadores, a unha organización criminal dedicada ao tráfico de heroína procedente dos Balcáns, Turquía e Holanda que operaba a nivel internacional. Son, principalmente, cidadáns turcos, albaneses e españois.
Na operación practicouse 18 rexistros nas provincias de Madrid, Ourense e Pontevedra -entre eles en Poio, Vilanova e A Lama-, onde se interveu 16 quilogramos de heroína de gran pureza, substancias de corte, útiles para a adulteración, manipulación e envasado do estupefaciente, prensa hidráulica e moldes.
Ademais, os axentes desmantelaron un laboratorio situado en Vigo, onde se adulteraba e envasaba a droga antes de ser distribuído.
Interviñéronse tamén 35.000 euros en efectivo, unha pistola con munición, once vehículos de alta gama dotados, algúns deles de dobres fondos para o traslado da droga, material electrónico de comunicacións ou documentación relacionada cos feitos investigados.
As investigacións iniciáronse cando a Garda Civil tivo coñecemento da existencia en Pontevedra dunha organización que podería estar a abastecer de heroína a toda Galicia.
A partir deste momento, unha vez identificados os integrantes da rede, foron sometidos a unha discreta vixilancia, averguando que se provían da heroína a través de tres organizacións turco-albanesa, asentadas en Madrid e Ourense, encargadas da introdución en España de grandes cantidades de heroína procedente dos Balcáns, Turquía e Holanda.
Unha vez adulterada a droga no laboratorio de Vigo, a heroína era trasladada dun punto a outro por esta rede turco-albanesa, segundo os investigadores, oculta en dobres fondos practicados nos seus vehículos.
Esta estrutura delituosa, nas súas reunións, adoptaba importantes medidas de seguridade, entre elas contravixilancias nos seus movementos ou a utilización de identidades falsas, coa fin de evitar ou detectar o seu posible control por parte dalgún corpo de seguridade.
Entre os detidos atópase un narcotraficante turco, prófugo da xustiza española sobre o que pesa unha condena de 14 anos de prisión e un cirurxián madrileño que ocultaba no seu chalé de Madrid parte da droga introducida no noso país.
A operación foi dirixida polo xulgado de instrución número 3 de Cangas do Morrazo.