Árbores derrubadas e desprendementos de terras e tellas, principais incidencias do temporal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O primeiro temporal de 2017 está a pasar por Pontevedra sen causar grandes incidencias ata o momento. Durante as últimas horas caeron árbores en Monte Porreiro e no Parque de Campolongo, nas proximidades da fonte da Praza da Constitución, onde xa interviñeron brigadas de Parques e Xardíns para retirar as ramas do exemplar que terminaba no chan debido aos fortes ventos das últimas horas.
Tamén se rexistraron desprazamentos de terra na estrada de Alba-Campañó, que afectou a un dos carrís. Ademais, o vento afectou a un sinal de tráfico.
No acceso á fervenza de Monte Porreiro desprendéronse varias árbores na zona da rúa Reino Unido. Nese espazo detectouse a presenza doutros elementos que ofrecían perigo de caída. Por este motivo decidiuse cortar o acceso desde Reino Unido á fervenza.
Ao redor das 14.00 horas, a Policía Local de Pontevedra tamén alertaba da caída de tellas na zona peonil da rúa Benito Corbal. Os bombeiros acudiron para controlar a zona e evitar que se desprendesen máis elementos do tellado.
A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, manifestaba que o protocolo de actuación para intervir no caso de que se produza algunha situación de emerxencia continuará operativo ata que pase esta situación de inestabilidade do tempo.
Ademais da Policía Local, encargada de coordinar as intervencións, tamén se atopa operativo un retén dos Bombeiros, cinco efectivos de Protección Civil, así como persoal de Viaqua con material de bomba de achique, valos e outros utensilios para utilizar no caso de que se rexistren incidencias. Tamén o servizo de parques e xardíns, así como doutras empresas encargadas do control de colectores e utilización de retroexcavadoras.
Noutros puntos do Salnés, Arousa e Umia tampouco se rexistraron incidencias graves, salvo caídas de árbores, danos nos tendidos eléctricos e movementos de terra.
Ao longo deste xoves 2 mantense a alerta vermella en Pontevedra, principalmente no litoral, por mar combinado de oeste con ondas de 8 a 9 metros de altitude, principalmente ao longo da tarde e da noite.
Recoméndase evitar desprazamentos en turismos e manterse alerta na rúa ante a posibilidade de que se produzan desprendementos dende tellados, fachadas e balcóns.
Relacionadas:
-
Suspendidas as actividades deportivas ao aire libre e as extraescolares polo temporal
Por Redacción |
-
Pontevedra, segunda cidade galega máis afectada polo temporal
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Cortan o tráfico na AP-9 tras desprenderse a cuberta da ponte da Barca
Por Alejandro Espiño |
-
Cae parte da fachada dun edificio do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Alerta ante o temporal costeiro de nivel vermello que chega con ondas de ata 9 metros de altura
Por Redacción |