Os sabores 'atlánticos' de Pepe Solla, protagonistas do seu novo restaurante en Valencia
Por Alejandro Espiño
Tras triunfar co seu salto a Madrid, Pepe Solla segue ampliando as fronteiras da súa cociña. A partir do 8 de febreiro abrirá un novo restaurante en Valencia. Trátase de Atlántico Casa de Petiscos, un establecemento que segundo o cociñeiro pontevedrés será unha combinación da oferta dos dous que ten na capital de España.
Atlántico Casa de Petiscos estará situado na Plaza de la Porta de la Mar. Solla abrirao en alianza coa Compañía del Trópico e con el busca recuperar o espírito das tradicionais casas de comidas galegas, apostando ao mesmo tempo polo picoteo en forma de aperitivos.
Seguindo o concepto de Casa de Comidas no que Pepe Solla busca ofrecer unha cociña sinxela e sincera, Casa de Petiscos chega agora ao público valenciano coa intención de presentar esta mesma cociña de calidade e raíces nun formato diferente onde compartir a variada gastronomía galega dunha forma máis próxima e informal.
Ademais, as mesas de Atlántico Casa de Petiscos serán altas, con taburetes e barras para compartir a experiencia: un mercado galego no centro de Valencia creado para vivir e contar, en continuo movemento.
Empanadas, caldeirada de peixe do día e pratos máis viaxeiros, característicos da cociña de autor de Solla, como o desmigado de centola con maionesa de wasabi, as zamburiñas en sala agridoce, o bonito en agridoce de pemento e algas, o aguachile de polbo ou o tartar de vaca galega con queixo de ovella son algunhas das súas propostas.
Aquí, a materia prima será máis importante que os pratos e a cociña está marcada polo produto, por iso a carta de Atlántico Casa de Petiscos non será unha carta fixa ao uso e as elaboracións créanse a diario, elixindo os mellores ingredientes en base aos produtos que se atopan no mercado e á tempada.
Todo iso poderase acompañar de viños galegos e, como novidade, prepararanse cócteles atlánticos, con sabores da rexión, que identifiquen a Galicia e que servirá nos seus restaurantes Atlánticos, que Solla promete seguir ampliando con novas aperturas nun futuro próximo.
Relacionadas:
-
Pontevedra mantén cinco estrelas Michelín
Por Alejandro Espiño |
-
Pepe Solla, o "culpable" de que Rajoy por fin comera ben en Bruxelas
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Pepe Solla presentará o seu libro "Cuando lo ancestral se hace eterno" en decembro en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
As Rías Baixas manteñen as súas 'estrelas Michelín'
Por Redacción |