Alerta ante o temporal costeiro de nivel vermello que chega con ondas de ata 9 metros de altura
Por Redacción
A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, de acordo coas predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), alerta por fortes ventos na costa galega, onde o temporal marítimo podería provocar durante este xoves ondas de ata 9 metros de altura.
Haberá vento do sur e suroeste con rachas que poderán superar os 110 quilómetros por hora. Na tarde deste mércores 1 de febreiro, xa se acadará en boa parte da comunidade autónoma o nivel amarelo, con refachos máximos de 90 quilómetros por hora. Ademais, ao longo deste episodio, as cantidades acumuladas de precipitacións serán considerables, podendo superarse nalgúns puntos os 200 mm. en total.
Segundo as previsións do Servizo de MeteoGalicia, este xoves as Rías Baixas quedarán baixo a influencia dunha profunda borrasca situada ao noroeste de Galicia, que deixará unha xornada caracterizada polos ventos e choivas intensas. Os ceos permanecerán cubertos, con choivas xeneralizadas, máis intensas e cuantiosas no litoral atlántico, onde poderán estar acompañadas de tormenta e saraiba. Os ventos soprarán fortes do suroeste, con intervalos moi fortes no litoral e zonas altas do interior. As temperaturas situaranse entre os 10 e os 14 graos.
Durante o venres 3 de febreiro, espéranse ceos moi nubrados ou cubertos, con choivas de intensidade moderada, localmente fortes que serán de neve por encima dos 1.200 metros durante a mañá. Os ventos soprarán do suroeste de fortes a moi fortes, especialmente no litoral e nas zonas altas.
Desde a AEMET alertan á cidadanía que aquelas persoas que se atopen en zonas marítimas se afasten da praia e doutros lugares baixos que poidan verse afectados polas elevadas mareas e ondadas. E precisamente alertan de evitar poñer en risco a vida por tentar captar imaxes espectaculares.
Tamén convien asegurar as portas, xanelas e aqueles obxectos que poidan caer á vía pública. Recomendan afastarse de cornixas, árbores, muros e edificacións en construción, ademais de guindastres que poden desprenderse. Tamén convén absterse de subir ás estadas sen as adecuadas medidas de protección.
No caso de que se conduza, piden que se extremen as precaucións, especialmente na saída de túneles, adiantamentos e cruzamento con vehículos pesados en estradas de dobre sentido. Tamén se recomenda que se preste atención ante a presenza de obstáculos na estrada.
Relacionadas:
-
Ollo na costa! Chega un novo temporal
Por Redacción |
-
Cortan o tráfico na AP-9 tras desprenderse a cuberta da ponte da Barca
Por Alejandro Espiño |
-
Cae parte da fachada dun edificio do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Árbores derrubadas e desprendementos de terras e tellas, principais incidencias do temporal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada