A loita contra a violencia de xénero, gran reto da primeira subdelegada do Goberno
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A loita contra a violencia de xénero, a redución dos índices de delincuencia e a mellora da seguridade viaria serán tres dos eixos sobre os que virará a nova etapa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra que comezou este mércores. Ana María Ortiz Álvarez xurou o cargo apoiada por autoridades, familiares e os seus xa antigos compañeiros da Xunta de Galicia e estreouse como primeira muller á fronte da institución cun discurso no que xa marcou as pautas para seguir neste período, que en principio será para o próximos catro anos.
Ortiz relevará no cargo a Antonio Coello, que este mércores non quixo faltar ao acto e deulle o parabén porque "estás aquí por méritos y capacidad, nadie te lo ha regalado". Tamén a arrouparon o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; e os subdelegados da Coruña, Lugo e Ourense, Jorge Atán, Ramón Carballo e Roberto Castro, respectivamente. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o xefe Superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez; o xeneral Xefe da XV zona da Garda Civil, Ángel Alonso; e o xeneral da Brilat, Luís Cebrián, tampouco quixeron faltar.
No seu primeiro discurso no cargo, recoñeceu que o novo mandato que ten por diante "se aventura apasionante" para ela, pois terá que afrontar retos que "no son fáciles", como a redución da delincuencia ou a xa citada violencia de xénero. Un dos que será irrenunciable será contar coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade e anunciou xa que "trabajaremos juntos para seguir minorando los índices de delincuencia en la provincia".
No seu novo cargo tamén se marca como reto colaborar con todas as administracións, pois "los éxitos se consiguen contando con los demás" e ela traballará apoiándose no persoal da Subdelegación, pero tamén doutros organismos.
Santiago Villanueva destacou dela a súa "amplísima experiencia profesional en la administración pública" e, sobre todo, o seu "alto grado de capacitación para la gestión de equipos y de proyectos" e mostrouse seguro de que a súa formación e a súa traxectoria "ratifican" a súa idoneidade para liderar a subdelegación pontevedresa.
Entre os retos que terá que afrontar tamén destacou, do mesmo xeito que a protagonista do acto, a violencia de xénero. Se Ana María Ortiz insistíu en que "no hay que escatimar esfuerzos" para loitar contra este mal, Villanueva asegurou que está entre os retos "prioritarios".
Relacionadas:
-
A Policía Local prestou protección a máis de medio milleiro de mulleres na cidade
Por Oskar Viéitez |
-
A nova subdelegada do Goberno busca reducir os casos de violencia machista en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- Capacidade de xestión, experiencia administrativa e coñecemento da provincia avalan a Ana Ortiz
Por Marisa Ciordia |
-
Ana María Ortiz, primeira muller á fronte da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Por Redacción |