Cerdedo-Cotobade pecha un acordo co Goberno para mercar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción
O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, finalizou a súa axenda oficial de día e medio en Madrid pechando un acordo co Goberno para adquisición da Casa do Pobo do Corredoira, que forma parte do Patrimonio do Estado despois de que fora incautada polo réxime franquista aos veciños desta parroquia.
Cubela mantivo este martes unha xuntanza con José Antonio Sánchez Quintanilla, que desempeña a oficialía maior encargada da xestión das propiedades e bens sindicais no Ministerio de Empleo, e presentoulle a tasación encargada polo Concello a un perito externo e que cifra o valor do inmoble en 12.000 euros. A proposta foi aceptada polo representante do executivo central e o contrato de compravenda asinarase nas vindeiras semanas.
Deste xeito, a Casa do Pobo de Corredoira pasará a ser propiedade municipal nun prazo curto de tempo e o Concello procederá á súa rehabilitación integral no marco do Plan de Centros Veciñais 2019, impulsado polo goberno local para dotar a todas as parroquias de Cotobade dun recinto social en perfectas condicións no presente mandato. Tras a realización destas obras formalizarase a cesión do uso e disfrute destas instalacións a prol da asociación veciñal, coa que Cubela está coordinando todo este proceso.
"Estou moi satisfeito da actitude do Goberno central, xa que demostra que actúa na defensa dos intereses xerais ao tempo que demostra a súa sensibilidade cos veciños de Corredoira. Ademais, trátase dunha decisión moi funcional para todas as partes, xa que ninguén vai coidar e utilizar tanto esa casa como os propios veciños", explicou Cubela, que garantíu que, tan pronto como o inmoble sexa de titularidade municipal, procederase a avaliar as obras necesarias e comezará o proceso administrativo para a mellora integral do local.
"Creo que estamos cumprindo, a moi bo ritmo, co noso obxectivo de dotar a todas as parroquias dun centro social en condicións para as súas actividades. Tras as recentes actuacións en Borela, e Rebordelo, agora tocaralle o turno a Corredoira, Augasantas e a Casa do Emigrante de Carballedo para tentar poñer a guinda co novo local de Tenorio", enumerou Cubela.
Relacionadas:
-
Os veciños apoian mercar a Casa do Pobo de Corredoira a Patrimonio do Estado
Por Redacción |
-
Cubela anuncia a ampliación da Casa do Pobo de Augasantas para 2017
Por Redacción |
-
Cubela pecha cos veciños de Almofrei a rehabilitación integral da Casa do Pobo
Por Redacción |
-
Cotobade chega a un principio de acordo co Estado para comprar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción |