O PP presenta unha proposición non de lei para pedir a reapertura do CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción
O peche do Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas chegou este martes, unha vez máis, ao Parlamento de Galicia e volverá a próxima semana. A próxima cita será da man do grupo parlamentario do PP, que levará para o seu debate en Pleno unha proposición non de lei pola que pretende que se pida ao Concello tripatito que evite o peche do servizo tras dez anos de traballo e cando contaba cun presuposto asignado por parte da Xunta de Galicia.
O portavoz do grupo popular, Pedro Puy, informou de que presentarán esta proposición non de lei para defender que o Concello de Ponte Caldelas adopte as medidas necesarias para evitar o peche.
Este martes foi a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a que levou este asunto á comisión de Sanidade, Política Social e Emprego. Instou ao Concello á reapertura do centro e defendeu que é un servizo de atención persoal que "ten demostrado a súa eficacia" na atención ás mulleres en xeral e, en particular, en cuestións tan sensibles como a violencia de xénero.
López Abella recordou que a súa Secretaría tivo constancia da noticia do peche polos medios de comunicación e polas traballadoras do CIM, pero non polo propio Concello de Ponte Caldelas.
Ademais, volveu sacar a luz os datos de funcionamento do servizo, que tiña unha asesora xurídica que atendía 27 horas á semana e unha psicóloga que o facía 11. É dicir, un total de 37 horas semanais de atención especializada, que agora son substituídas por unha atención de cinco horas, un só día, dunha avogada que nesas cinco horas tamén asesorará sobre desafiuzamentos, reclamacións a empresas telefónicas, divorcios... Todo isto tendo en conta que só no último ano, o CIM recibiu 525 consultas e atendeu a 138 persoas.
A Secretaría Xeral de Igualdade considera o peche un retroceso nos servizos ás veciñas do municipio e cualifica a decisión como errónea e equivocada polo gran traballo que leva feito o CIM durante os últimos 12 anos. Ademais, destacou en que o recoñecemento oficial dun CIM achega unha seguridade na existencia de medios persoais e materiais acreditados e permite acceder ás posibilidade de axudas convocadas anualmente pola Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
A Xunta empraza ao Concello de Ponte Caldelas a que reabra o CIM
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a dimisión do alcalde de Ponte Caldelas tras declararse nulo o despedimento das traballadoras do CIM
Por Redacción |
-
A Xunta iniciou o expediente para a extinción do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
O Parlamento demanda que a Xunta medie para que non se peche o CIM de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman á Xunta que asuma os Centros de Información á Muller
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian ante a Comisión Europea o peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
O PP sinala a Carmela Silva como "cómplice" do peche do CIM de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda ve "bastante absurdas" as explicacións de Ponte Caldelas sobre o peche do CIM
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas pide a destitución inmediata da secretaria xeral de Igualdade
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Unha avogada, especializada en violencia de xénero, incorpórase ao servizo do Concello de Ponte Caldelas
Por Redacción |