A Lama destaca a súa idoneidade para situar a base da ambulancia solicitada por Ponte Caldelas
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, reclamou para o seu municipio a sede da ambulancia comarcal que acaba de solicitar o concello veciño de Ponte Caldelas. Segundo o rexedor popular "se atendemos a criterios obxectivos de eficacia e tendo en conta as isócronas, a base tería que estar ubicada no municipio da Lama, no caso de que a administración decidira dotar deste servizo á nosa bisbarra".
Canda tamén criticou a actuación dos grupos da oposición municipal que "coa súa actitude de palmeiros ríndense ao politiqueo barato e, en lugar de defender os intereses lexítimos dos seus veciños, entréganse a plantexamentos que so buscan o protagonismo desmedido de alguén que só quere chamar a atención e promocionarse. Non entendo como o voceiro de Cidadáns, que sempre di que el ten por enriba de todo os intereses dos veciños da Lama, se deixe manipular e faga deixación de funcións a favor de Ponte Caldelas".
Por outra banda, Jorge Canda manifestou que non entendía como se celebra unha reunión á que non foi convidado o representante da Plataforma Cidadá Falta de Urxencias Sanitarias Verdugo-Oitavén cuxo portavoz, José Pardo, leva meses realizando unha recollida de firmas e entrevistándose con alcaldes e representantes públicos.
"A LAMA MELLOR QUE PONTE CALDELAS"
Jorge Canda manifestou tamén que "a proposta de ubicar unha ambulancia en Ponte Caldelas está feita desde o punto de vista da defensa de determinados intereses políticos e non desde a idoneidade do servizo por enriba de localismos e politiqueos. Si se precisa atender aos concellos de Fornelos, A Lama, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade o lugar idóneo para ubicar unha ambulancia desde o punto de vista de maior eficiencia nos seus desprazamentos e isócronas sería o municipio lamense a 7 minutos de Fornelos, a outros tantos de Ponte Caldelas e a 12 de Carballedo".
"Desde A Lama poderíase atender mellor as urxencias médicas que se produciran en lugares tan lonxanos como Barcia de Seixo (A Lama) ou A Laxe (Fornelos), por poñer como exemplo e non desde Ponte Caldelas que retrasaría moito máis a súa intervención".
Finalmente, Jorge Canda mostrouse moi apesadumbrado pola lixeireza coa que se estaban tratando estes temas relacionados coa saúde pública e instou "sobre todo a Cidadáns, a evitar no posible verse inmerso nun proceso de manipulación constante que non persegue máis que o lucimento e o protagonismo dunha persoa que en lugar de contribuir a solucionar problemas enmaraña todo sin atopar unha saída positiva para que os veciños e veciñas vexan resoltos os seus problemas".