Núñez Feijóo recibirá o venres a Lores en Santiago
Por Alejandro Espiño
Venres 3 de febreiro, 10.30 horas. É a data e a hora da entrevista que manterá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, co presidente da Xunta. O encontro, solicitado tras a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, servirá para repasar os proxectos en marcha ou comprometidos polo goberno galego na cidade.
A reunión será en Santiago de Compostela e a ela, segundo avanzou Fernández Lores, levará unha ampla axenda de asuntos que son "demandas históricas, consensuadas e cun grande apoio social".
Así, entre outros asuntos Lores pretende repasar con Núñez Feijóo o estado de tramitación da ampliación de Montecelo, as obras dos novos xulgados, a proxectada rehabilitación do edificio administrativo de Benito Corbal, a reforma da estación de autobuses, a variante de Alba ou a construción dun pavillón de ximnasia anexo ao futuro complexo da Parda.
Entre os temas para tratar, o alcalde incluirá tamén a posible colaboración coa Xunta no plan de compostaxe de Pontevedra, as obras pendentes no Froebel e outros centros educativos, a recuperación ambiental do Gafos, o saneamento do rural ou asuntos relacionados co benestar social.
En todo caso, o alcalde cualificou como "positiva" a nova etapa de entendemento que se abriu entre o Concello e a Xunta de Galicia. Segundo Fernández Lores, estes contactos "están a dar resultado" e celebrou ter unha interlocución "válida e directa" co presidente galego porque "falar sempre é bo".
A respecto deste encontro, o portavoz municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, suxeriu a Lores que convoque unha xunta de portavoces para "consensuar" coa oposición os asuntos para tratar con Núñez Feijóo. "Sería bueno que nos consultase", dixo.
Moreira asegurou que "no puede volver a ocurrir" que o alcalde transmita as demandas da cidade á Xunta "sin hablar antes con los vecinos", como asegura que sucedeu coas modificacións propostas polo Concello ao proxecto da variante de Alba.
Sexa como sexa, o líder dos populares en Pontevedra espera que a entrevista sexa "fructífera" e o alcalde transmita ao presidente da Xunta o seu "compromiso" coa posta en marcha dun transporte público urbano que complemente ao plan metropolitano que ultima o goberno galego para dar servizo a toda a comarca.