Unha muller resulta ferida na colisión dunha furgoneta contra un coche parado na AP-9
Por Redacción
Unha muller resultou ferida este luns nun accidente de tráfico rexistrado na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vilaboa e tivo que ser trasladada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario. O sinistro consistiu na colisión por alcance entre dous vehículos.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, a furgoneta bateu contra o turismo que, nese intre, estaba parado na beiravía. Como consecuencia do impacto, a muller ferida tiveron que axudala a saír do seu vehículo.
A muller logrou abandonar o vehículo a través dunha das fiestras, coa asistencia de varios efectivos sanitarios e da Garda Civil. Xa foran alertados efectivos dos corpos de bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, pero non foi necesario que interviran.
Os feitos tiveron lugar no quilómetro 141 da autoestrada, sentido sur, ás 13.20 horas deste luns. Tras recibir o aviso dun particular, dende a central de emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico, así como aos bombeiros.