Os bombeiros interveñen na rúa Riestra ante desprendementos de madeira dunha fachada
Por Redacción
Dúas unidades dos bombeiros do parque de Pontevedra tiveron que trasladarse á rúa Riestra para desmontar unha estrutura de madeira da que se desprenderon varios anacos caendo á rúa desde a fachada do segundo piso dun inmoble situada nas proximidades das Ruínas de San Domingos.
Veciños que camiñaban pola zona alertaron á Policía Local do perigo de que continuasen desprendéndose restos do material da fachada dun edificio que se atopa apontoado na céntrica rúa e no que se anuncia a construción de vivendas nun cartel no que se le "Futuros fogares en venda".
Axentes da Policía Local acordoaron a zona e os bombeiros de Pontevedra, a través da escaleira mecánica, procederon á retirada da estrutura de madeira para evitar o perigo de novos desprendementos.
Os feitos rexistrábanse minutos despois das 17.00 horas.