Bueu celebra o día escolar da Paz
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de educación, María Teresa López, asistiron este luns aos actos de celebración do Día Escolar da Paz. Así, recibiron no salón de plenos do Concello aos alumnos de cuarto de ESO do instituto Johán Carballeira, que presentaron a iniciativa "Día das Apertas", consistente en repartir abrazos a cambio de globos con mensaxes de paz.
No seu percorrido estiveron na escola infantil Galiña Azul, na escola infantil da Pedra, nos centros de día de Pescadoira e Contigo, na Praza de Abastos e, por último, no Concello.
Tal e como comentaron os alumnos, a iniciativa foi acollida de diferentes formas pola cidadanía, pero consideran que foi unha actividade moi orixinal e necesaria.
A continuación, o alcalde e a concelleira tamén asistiron ao CEIP A Pedra para participar nos actos de celebración deste día, no que tamén se entregaron os diplomas para os alumnos de quinto de primaria que participan no programa de "Titoría Entre Iguais". Este programa consiste en titorizar a nenos de terceiro de primaria coa finalidade de que se resolvan conflitos e situacións difíciles no centro.