O alcalde de Vilaboa, investigado por prevaricación por unha denuncia urbanística
Por Redacción
O alcalde de Vilaboa, o socialista José Luis Poceiro, e o seu concelleiro de Urbanismo, Ricardo Acuña, deberán comparecer o vindeiro mércores 8 de febreiro nos xulgados de Cangas en calidade de investigados por un delito de prevaricación administrativa. Segundo confirmou o propio rexedor, a citación vén derivada dunha denuncia veciñal por un asunto urbanístico.
Poceiro deberá comparecer para a súa declaración ás 12.00 horas e declárase tranquilo polo resultado da citación. Recoñece que, iso si, que lle "fastidia" ter que verse ante un xuíz, coa tensión asociada ao momento.
A investigación aberta ao alcalde deuna a coñecer o PP local de Vilaboa tras a celebración do último pleno da corporación, celebrado o pasado venres 27 de xaneiro. Na sesión, preguntáronlle ao alcalde sobre a investigación e el recoñeceu que fora chamado a declarar. Este luns, el mesmo achegou os detalles a PontevedraViva.
A orixe de todo é unha denuncia cruzada entre dous veciños de Vilaboa, que se acusaron pola construción dun muro e unha pequena construción do estilo dun galpón. O asunto chegou á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), pero este organismo da Xunta de Galicia acabouno derivando ao Concello de Vilaboa.
Segundo explicou Poceiro, a resolución da APLU chegou xa hai tempo ao Concello e o asunto acabou no xulgado pola denuncia dun dos veciños afectados, que considera que a administración local tiña que tomar cartas no asunto e non o fixo.
A pesar do seu malestar por ter que declarar, Poceiro asume que o veciño que o denunciou ten "todo o dereito" a manifestar o seu malestar pola xestión dun expediente administrativo coa que non está de acordo e asegura que o "entende perfectamente". Ante esta comparecencia, adianta que colaborará co xulgado porque "non teño nada que esconder".