Marín contrata o asfaltado da contorna do Pavillón da Raña
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín está a levar a cabo os trámites necesarios para a contratación da obra consistente no asfaltado e a mellora da zona de aparcadoiro do pavillón da Raña.
Óptase pola rehabilitación superficial que adecuará as características do pavimento tendo en conta a afluencia que rexistra o propio pavillón, así como das instalacións situadas nesta contorna, pista de tenis, estadio municipal e zona de San Pedro.
Ademais, executaranse outras obras complementarias como a adecuación dun espazo para estacionamento entre o pavillón e o estadio.
O proxecto está aprobado, cun orzamento de 32.563,08 euros e estase procedendo á solicitude de ofertas ás empresas especializadas nestas obras. En canto se teñan todas, procederase a adxudicar para poder contar con este espazo mellorado canto antes
LIMPEZA EN CANTODAREA
Por outra banda, a brigada municipal está a levar a cabo unha limpeza a fondo dalgunhas zonas da rúa Fonte do Oeste e Pedreiras. Estanse chorreando as zonas, onde máis se acumula o musgo e a limpeza diaria non chega.