Un veciño de Xustáns convértese no primeiro varón centenario do municipio de Ponte Caldelas
Por Redacción
Alfonso Franco Diz, veciño de Chan do Casal na parroquia de Xustáns, converteuse o pasado domingo no primeiro home centenario do municipio de Ponte Caldelas, segundo os datos obrantes no Concello.
Unha afirmación arriscada, recoñeceu o alcalde, Andrés Díaz, pois tamén se pensaba que só había unha muller centenaria e agora xa hai constancia de tres. O alcalde, acompañado da concelleira Pilar Couto, quixo participar no aniversario de Alfonso e compartir ledicia coa súa familia nunha data tan especial. O centenario, que está viuvo dende hai dous anos, reside na casa dunha das súas catro fillas. Na celebración estiveron tamén os catro netos.
Na visita participou tamén a asociación de veciños de Xustáns, cuxa directiva entregou unha placa comemorativa ao homenaxeado.
Durante a visita comentou que goza dunha excelente saúde e non recibe tratamento algún. Unha saúde de ferro que achaca á vida sá e ao seu costume de facer longas andainas durante a súa vida profesional como capataz forestal. Aínda así, a finais dos anos 50 estivo a piques de morrer por unha infección pulmonar. Segundo relatou, foi dos primeiros en beneficiarse da introdución da penicilina. Daquela, relatou, fumaba moito, vicio que abandonou definitivamente.
Alfonso, que mantén unha activa vida social e camiña a diario pola contorna da súa casa, non se priva dunha copiña de caña de cando en vez. E ata hai ben pouco mantiña o costume de almorzar cun augardente e pan de millo. Conserva as súas facultades mentais intactas en gústalle de estar ben informado da actualidade, escoitando a radio e os informativos de televisión. Ata hai ben poucos anos lía prensa diariamente, ata que as cataratas danaron a súa vista.
Contou que comezou a súa vida laboral como canteiro ata que a Guerra Civil atrapouno durante cinco anos da súa vida. Participou en moitos enfrontamentos, entre elas a célebre Batalla do Ebro. Xa de volta, dedicouse, ata a súa xubilación, á repoboación forestal en longas xornadas de traballo que facía a pé, polos montes de Ponte Caldelas, A Fracha e Soutomaior. Contan os seus familiares que era realmente difícil seguirlle o paso. E ata hoxe.