Actuación de emerxencia no Toxo ante o "perigo real para as persoas" polo afundimento do patio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra acaba de contratar as obras de emerxencia na avenida Raiña Vitoria e na Escola Infantil O Toxo.
A antiga liña do ferrocarril que discorría esta avenida dispoñía dunha canalización para recoller as augas pluviais da Alameda, o Paseo de Colón e a propia Raiña Vitoria e que atravesa as actuais instalacións da gardería.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, informou que esta instalación atópase en "mal estado" de conservación e nestes momentos "está a afundirse", polo que "hai un perigo real para as persoas que están alí, maioritariamente nenos".
A empresa Viaqua Xestión Integral encargarase de maneira urxente de executar unha nova canalización que se situaría no noiro axardinado que se atopa xunto ás escaleiras lindeiras coa Escola Infantil, á beira do hotel Dabarca.
O importe das obras é de 42.111,42 euros.
O afundimento da canalización é visible no patio da gardería, que se atopa valado.