Pontevedra gravará ás subministradoras polos tendidos eléctricos e de gas por dominio público
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra porá en marcha unha taxa para gravar os tendidos eléctricos e de gas por dominio público. O goberno local toma esta iniciativa despois de que a sala terceira do Tribunal Supremo avalase que o concello coruñés de Arteixo tomase esta medida.
Pontevedra elaborará unha ordenanza fiscal na que se establecerá a regulación e as tarifas da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.
A xunta de goberno local celebrada este luns tomou a decisión de contratar unha asistencia técnica para elaborar esa ordenanza e facer os estudos precisos do terreo que ocupan e da potencia enerxética que teñen as subministradoras.
Deste xeito catalogaranse coma construcións as liñas eléctricas de alta tensión e as canalizacións de gas de cara ao cálculo da base impoñible da taxa por utilización do dominio público local.
O Concello de Pontevedra podería ingresar uns 150.000 euros por este concepto
Segundo informou o voceiro municipal e concelleiro de Facenda, Raimundo González, as principais empresas afectadas por este gravamen son Rede Eléctrica de España (REE), Unión Fenosa e Gas Galicia.
A asistencia técnica que resulte contratada polo Concello de Pontevedra poderá calcular as tarifas a partir dun estudio técnico sobre a base dun informe tipo elaborado para a Federación Española de Municipios e Provincias. O valor do inmoble é o resultado de sumar o valor catastral do chan con construcións ao valor das instalacións.
A base impoñible obtense tras multiplicar ese valor do inmoble ao coeficiente de relación co mercado e a ocupación en metro cadrado que corresponde a cada metro lineal.
Raimundo González estima que o Concello de Pontevedra podería ingresar uns 150.000 euros por este concepto ainda que puntualizou este cálculo "non deixa de ser un brinde ao sol".