Portas estreará a administración electrónica o 9 de febreiro
Por Redacción
O Concello de Portas sumarase, a partir do próximo 9 de febreiro, aos municipios da provincia que implantarán a administración provincial, grazas ao soporte que lles proporciona a Deputación de Pontevedra.
Con esta axuda, destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes, o goberno provincial pretende facilitar que aqueles municipios que non conten cos recursos suficientes poidan levar a cabo a adaptación e modernización tecnolóxica.
Xunto con Portas, outros sete concellos porán en marcha esta plataforma nas dúas primeiras semanas de febreiro.
Súmanse aos cinco primeiros que xa adoptaron este sistema de tramitación, entre eles, Cerdedo-Cotobade e Cambados.
A Deputación impulsa esta solución para que poidan dispoñer dunha sede electrónica personalizada para a súa relación coa cidadanía e, por outro lado, un portal para que o persoal da administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos.
A través desta ferramenta poderase consultar un catálogo de servizos electrónicos de trámites, consultas de expedientes ou procedementos, que se poden iniciar de forma telemática e presentar no rexistro electrónico sen necesidade de realizar un desprazamento presencial ás administracións.
A Deputación de Pontevedra aporta desde a implantación das aplicacións necesarias ata a posta en marcha do sistema, un plan de formación orientado á aprendizaxe dos aspectos técnicos e funcionais da nova ferramenta para a súa posta en funcionamento, un soporte aos usuarios para resolver consultas, o mantemento dos servizos, a súa actualización e a inclusión de novas funcionalidades, en colaboración cos servizos informáticos dos concellos adscritos.
Relacionadas:
-
Carmela Silva presume de administración electrónica ante outras deputacións
Por Redacción |
-
Primeiros pasos de Poio para sumarse á administración electrónica
Por Redacción |
-
Bueu xa conta coa súa sede electrónica
Por Redacción |
-
A administración electrónica dos pequeños concellos 'vai a conta' da Deputación
Por Redacción |