Comezan os contactos en ENCE para un ERE que causará "moitos" despedimentos en Lourizán
Por Redacción
Os 144 despedimentos que prevé Ence no marco dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) repartiranse entre os catro centros de traballo: Navia. Huelva, Pontevedra e as oficinas centrais en Madrid. Así transcendeu na reunión celebrada en Madrid, coa que empresa e sindicatos dan por iniciado formalmente o periodo de consultas previo á aprobación de dita regulación de emprego.
En todo caso, non transcendeu aínda o número de postos de traballo que se perderán en Pontevedra. Os sindicatos non quixeron dar datos concretos e limítanse a mostrar o seu rexeitamento ao conxunto duns ceses que veñen obrigados, segundo a dirección de Ence, por "causas económicas e organizativas" da compañía.
"Presentaron o que nós xa sabíamos", recoñeceu a PontevedraViva o presidente do comité de empresa en Pontevedra, Jesús Graña. "Prohíben que se faciliten os datos por centros, a empresa esixe confidencialidade e os compañeiros tamén pediron que non se faciliten por respecto aos afectados".
A reunión deste mércores, que durou varias horas, retomarase este xoves a partir das 9.00 horas e prevese que se prolongue ata as 18.00 horas. Será o día tamén no que se espera que Ence presente o ERE ante a autoridade laboral, aínda que este martes xa se trasladou toda a documentación aos representantes dos traballadores.
Asegura Jesús Graña que o comité interempresas trasladoulle aos directivos da pasteira que este ERE "é un despropósito", que no caso de Pontevedra afectará "á produción e á seguridade". Tanto que, denuncia, "vai a haber algún posto de traballo con algunha carga de traballo insoportable".
En todo caso, vaticina que o ERE pode ser detido pola autoridade laboral "porque algún datos que dan non son reais e outros son previsións que poder varias de forma importante". E foi máis aló ao asegurar que "hai cuestións que lles podemos desmontar".
Unha vez rexeitada por parte das centrais sindicais a negociación do plan de competitividade proposto pola empresa, iníciase agora o periodo de negociación de 30 días para o ERE con reunións que foron fixadas para os próximos 11 e 12 de marzo, e 20 e 21 do mesmo mes.
En todo caso, a dirección de Ence transmite o seu convencemento na necesidade de avanzar con "estas severas medidas" para garantir a competitividade e supervivencia da empresa, "profundamente afectada pola reforma enerxética do Goberno, cuxo impacto sobre os resultados da compañía elévase a 34 millóns de euros".
Trátase, segundo Ence, de "unha situación que obriga a adoptar solucións para compensar os seguros impactos negativos de reforma enerxética e da evolución dos prezos, a fin de garantir que Ence volva ser canto antes unha empresa competitiva, viable e sostible". En concreto, o grupo augura perdas de 8,5 millóns de euros para este exercicio.