A partir do 1 de febreiro, a relación entre o Concello e as empresas será só electrónica
Por Alejandro Espiño
Unhas 11.000 empresas traballan cada ano co Concello de Pontevedra. A eles súmanse colexios profesionais, notarios ou rexistradores da propiedade. Todos, a partir do 1 de febreiro, terán a obriga de presentar toda a súa documentación a través da sede electrónica e serán notificados de todos os trámites só a través da Internet.
Así, tal e como recolle a lei aprobada en 2015, eliminarase o papel nas relacións diarias entre as empresas e a administración municipal.
Isto implica que o Concello tramitará todos os seus expedientes electronicamente e terá obriga de notificar a boa parte da poboación tamén mediante esta vía.
Esta medida suporá importantes cambios na xestión interna dos servizos municipais, xa que terán que traballar todos coa plataforma de xestión de expedientes común a todo o Concello, denominada Cividas, cambiando substancialmente a súa forma de traballo diario, pero tamén suporá un cambio para os administrados.
O principal será para as entidades xurídicas que traballan co Concello de Pontevedra. Todas elas, dende o 1 de febreiro, terán que presentar electronicamente toda a documentación que dirixan ao Concello, a traves de sede.pontevedra.gal. Pola súa banda, o Concello tamén lles remitirá todas as notificacións a través deste mesmo procedemento.
Dende xaneiro de 2015, o Concello xa obrigou a todas as empresas a presentar as súas facturas electronicamente, a través da plataforma habilitada polo Estado. Segundo os datos dos que dispón o Concello, dende a entrada en vigor da sede electrónica -o 1 de marzo de 2016- recibíronse 8.805 facturas electrónicas.
No caso dos particulares, se non informan ao Concello, as notificacións seguirán remitíndose en papel
No que respecta ás persoas físicas (ou particulares), non están obrigadas a recibir as notificacións electrónicas. Este colectivo, igual de numeroso que o anterior, terá a posibilidade de decidir se quere que se lle notifique todos os seus expedientes electronicamente ou un procedemento en concreto, e o resto en papel.
No caso de non informar ao Concello, as notificacións seguirán remitíndose en papel.
O obxectivo do Concello é facilitar o traballo tanto aos administrados como aos servizos municipais. Os que teñan que notificar electronicamente algo ao Concello poderán facelo a través dos procedementos implementados en sede.pontevedra.gal e remitirase directamente ao servizo, sen ter que pasar polo Rexistro Municipal.
Se non existe o procedemento implementado na sede, este documento pasará previamente polo Rexistro Municipal que o remitirá ao servizo correspondente.
O Concello ten o propósito de ir reducindo a entrada de notificacións a través do rexistro para que os administrados poidan dirixirse ao servizo interesado, polo que pouco a pouco irá completando a carteira de procedementos directos que ofrece a través da sede electrónica.
Dende a entrada en vigor da sede electrónica municipal, esta ferramenta recibiu 408 solicitudes electrónicas, das cales 71 son de persoas xurídicas e 337 de persoas físicas.