A Audiencia xulgará unha pelexa iniciada nunha panadería e outra por unha servidume de paso
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para a próxima semana dous xuízos por pelexas ocorridas unha nesta capital e outra en Poio.
A primeira das vistas está fixada para o martes día 31. No banco sentarán dous homes acusados de agredirse mutuamente despois dunha discusión iniciada nunha panadería.
O fiscal pide a absolución para un dos acusados JP.N.V., que perdeu catro dentes como consecuencia dos golpes sufridos durante a liorta. Para o outro procesado M.M.C., reclama un ano e medio de prisión e que indemnice ao seu compañeiro na cantidade de 1. 200 euros polas lesións padecidas e na cantidade de 2.000 euros polas secuelas.
O outro xuízo por lesións celebrarase o xoves día 2 de febreiro. Xúlgase a dous veciños de Poio tamén acusados de agredirse mutuamente. A Fiscalía solicita dous anos e medio de prisión para cada un deles.
Segundo consta no escrito de acusación da Fiscalía, estes dous veciños de Arís teñen malas relacións desde hai tempo motivadas por problemas cunha servidume de paso. Sobre as 21:20 horas do día 29 de xuño de 2015 nas inmediacións dos seus domicilios comezaron unha discusión e no curso da mesma, "actuando cada un co ánimo de causar un menoscabo físico ao outro", agredíronse mutuamente usando para un deles unha navalla duns 8 centímetros de folla e o outro un pau.