O Supremo devolve a Cambados unha causa contra Telmo Martín ao non ver indicios de criminalidade
Por Oskar Viéitez
A Sala do Penal do Tribunal Supremo determinou que "non consta a existencia de indicios de criminalidade" na conduta de Telmo Martín na súa etapa de alcalde de Sanxenxo no procedemento aberto pola construción dunhas vivendas no humedal de Baltar, en Portonovo.
ÿ por iso que rexeita, "por agora", proceder á súa imputación e devolve ao Xulgado de Instrución número 2 de Cambados a investigación sobre irregularidades na construción deses bloques de vivendas.
Entre as novas dilixencias que o alto tribunal estima necesarias apúntase a achega dunha certificación do rexistro mercantil sobre a participación accionarial de Construcuatro, así como documentación sobre a normativa urbanística de Sanxenxo, ata recomenda a toma de declaración ao propio Telmo Martín para darlle oportunidade de defenderse.
Esta causa iniciouse a raíz dunha denuncia da Asociación de Veciños San Cristobal de Portonovo, por un presunto delito contra a ordenación do territorio.
Tras unha "estraña desaparición" de documentación da causa, o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados inhibiuse a favor do Supremo, ao ser Telmo Martín aforado.