O Sergas asume os gastos de mantemento dos centros de saúde de Anafáns e de Ribadumia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou esta venres dous convenios cos alcaldes de Poio, Luciano Sobral, e de Ribadumia, David Castro, polos cales o Servizo Galego de Saúde asumirá os custos de mantemento dos centros de saúde de Anafáns, en Poio, e do de Ribadumia. Ambos rexedores expresaron a súa satisfacción por estas transferencias que repercuten positivamente nas arcas municipais.
Segundo os acordos, cada un destes concellos comprométese á realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames, das instalacións. En todo caso, se o edificio deixase de prestar servizo sanitario, os concellos poderán exercitar dereito de reversión sobre el.
Cada un dos plenos municipais terá agora que aprobar unha certificación do acordo cedendo á administración sanitaria o centro, entre outros trámites burocráticos.
Ademáis os concellos lle facilitará o Sergas os datos precisos para o cambio de titularidade dos contratos de subministracións vixentes e dos servizos prestados no edificio. As obrigas económicas pendentes, anteriores á data na que o Servizo Galego de Saúde se faga cargo dos gastos de mantemento, corresponderán ao concello.
Vázquez Almuiña lembrou que estes convenios enmárcanse no desenvolvemento do Pacto Local, que recolle unha serie de actuacións entre as que se inclúe a asunción dos custos de mantemento de centros de saúde actualmente a cargo dos concellos.
Relacionadas:
-
Todos os políticos aproban unha moción para reclamar a mellora dos servizos sanitarios en Poio
Por Redacción |
-
O PP de Poio propón negociar cos propietarios e ampliar o estacionamento do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde, David Castro, reclama que a Xunta reforce o equipo do centro de saúde de Ribadumia
Por Oskar Viéitez |