O Partido Socialista desvela que Louzán gastou 9.071 euros a cargo da Deputación nunha cea no Ritz
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A xestión de Rafael Louzán durante a súa etapa como presidente da Deputación de Pontevedra, volveu a ser a protagonista dun novo pleno da institución provincial.
Sucedeu este venres durante o debate dunha moción do Partido Popular na que criticaban a política de promoción turística do goberno bipartito provincial, por falta dunha "estratexia clara e definida". O que fora vicepresidente da Deputación con Louzán, José Manuel Figueroa, enxalzou os "logros" obtidos polo anterior mandatario popular.
Foi na quenda de réplica cando o actual responsable da área de Turismo, o deputado Santos Héctor, secretario provincial do PSOE, dixo que o anterior goberno provincial "só ía a Fitur para pagar comilonas e aloxarse no Ritz" e desvelou que no ano 2008 Louzán pagou 9.071,20 euros a cargo da Deputación por unha cea no Hotel Ritz.
Segundo Santos Héctor, só naquel ano a Deputación gastou en Fitur un total de 402.313,96 euros, que incluían a viaxe a Madrid, a citada cea, ou noites de hotel "para os deputados e as súas consortes", entre outros gastos máis.
O deputado socialista apuntou que os populares "só deixaron moitos problemas e irregularidades", e citou o caso do proxecto das Pousadas do Salnés, a "promoción errática" das Rías Baixas ou a "relación partidaria cos seus achegados". Ademais cualificou á moción do PP como "bastante ridícula" e que demostraba un "descoñecemento absoluto" de todas as accións que estaba a desenvolver o goberno provincial, acusando ao PP de "enturbiar a vida política".
Visiblemente contrariado José Manuel Figueroa esixiu a retirada das acusacións vertidas polo deputado socialista e lembrou que "sempre me caractericei por ter debates respectuosos coas persoas".
Socialistas e nacionalistas votaron en contra da moción de PP. Marea abstívose. A presidenta Carmela Silva animou aos deputados do PP para "facer propostas e suxestións en positivo".
CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER
Na segunda das mocións debatidas no pleno, os populares pretendían que a administración provincial instase ao Concello de Ponte Caldelas a reabrir o Centro de Información á Muller (CIM) cuxo peche foi definido pola portavoz do PP, Nidia Arévalo, como un "gravísimo acontecemento, un acto incomprensible".
Arévalo criticou a actitude da presidenta da Deputación, Carmela Silva, por gardar "silencio" neste asunto "e non defender ás mulleres de Ponte Caldelas".
Na quenda de réplica, a socialista Isaura Abelairas cualificou de "inmoral" a defensa das políticas de igualdade do Partido Popular e presentou, en nome do seu grupo, unha emenda á totalidade da moción popular na que se reclamaban que a Xunta cre unha rede integral, equilibrada, sustentable e permanente de centros de información á muller.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación e portavoz do Bloque, César Mosquera, circunscribiu o peche do CIM de Ponte Caldelas a un problema laboral, porque as dúas traballadoras deste servizo reclaman a súa consolidación como persoal laboral fixo. "Entrar na administración pola porta falsa é unha fraude monumental", afirmou.
"Nunca houbo unha falta de cobertura", engadiu.
Pola súa banda, o deputado de Marea, Xose Lois Jácome, sinalou que "non é aceptable que esta institución inste aos concellos a nada e usurpe as funcións municipais". A esta mesma tese sumáronse os grupos do BNG e PSdeG, e mesmo a presidenta lembrou que o contido da moción do PP está "a incumprir o regulamento" e recomendou á xunta de portavoces que "defina con claridade este tema para que isto non volva ocorrer".
A moción foi rexeitada pola maioría dos votos de PSOE, BNG e Marea. A emenda presentada polo PSOE non foi aceptada pola presidenta.
AXUDAS A COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS
Noutra das mocións, o Partido Popular pedía ao goberno provincial que todas as axudas que a Deputación destina aos colectivos da provincia publíquense "preferiblemente, o primeiro día hábil do ano", co fin de facilitar a planificación das actividades e mesmo garantir que o pago das axudas realícese canto antes, segundo reclamou o portavoz do grupo, Ángel Moldes.
Do mesmo xeito que as anteriores esta moción tampouco foi aprobada.
Relacionadas:
-
A cea de Louzán no Ritz era para promocionar Rías Baixas e nela participaron 200 persoas
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PP reclamará á Deputación unha "estratexia clara" que potencie o turismo
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas reclaman á Xunta que asuma os Centros de Información á Muller
Por Oskar Viéitez |
-
"Espectacular" experiencia de Turismo Rías Baixas en Fitur
Por Oskar Viéitez |