A partir de maio, haberá multas para as vivendas turísticas sen licenza en Galicia
Por Redacción
A Xunta pon condicións ao aluguer de vivendas para fins turísticos. O goberno galego aprobou o decreto polo que se regula a ordenación deste tipo de apartamentos que, sendo unha vivenda habitual, alúgase a turistas por días ou por semanas durante as vacacións, especialmente en época estival.
Alberto Núñez Feijóo explicou que a Xunta acordou regular estas vivendas tras detectar un notable aumento no número de turistas que optaban por esta fórmula para aloxarse durante as súas estancias en Galicia.
A Xunta sinala que este fenómeno viuse favorecido polas novas tecnoloxías, ao dar lugar á creación de empresas que a través das súas páxinas web ofertan este tipo de aloxamentos para a súa contratación online e dunha maneira sinxela e rápida.
Esta normativa, segundo destacou a Xunta, responde a unha demanda do sector turístico que manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamentos, debido á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.
O obxectivo da norma, por tanto, é erradicar as problemáticas máis relevantes vinculadas a esta actividade, como o impacto económico-social, fiscalidade e tributación, seguridade e satisfacción dos usuarios, calidade da oferta ou a competencia desleal, entre outras.
A principal novidade deste decreto é a introdución da regulación das vivendas de uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.
O novo decreto define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras persoas de forma reiterada, que se cifra en dúas ou máis veces ao ano, e a cambio de contraprestación económica, para unha estancia de curta duración, sempre inferior a trinta días consecutivos.
A cesión deste novo tipo de aloxamento turístico será da totalidade da vivenda, de forma que non se permite a cesión por estancias e a súa comercialización poderá ser realizada polas empresas turísticas ou ben polos seus propietarios.
Para o inicio da actividade, o decreto establece simplemente a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable ante Turismo de Galicia. Tras iso, procederase á súa inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas de Galicia.
En canto aos requisitos e servizos mínimos, estas vivendas de uso turístico deberán estar suficientemente amobladas e dotadas dos aparellos e enxoval necesario para a súa utilización inmediata, co fin de prestar un servizo de aloxamento correcto en relación coa totalidade de prazas de que dispoñan, todo en perfecto estado de hixiene.
Ademais, deberán contar con calefacción en todas as dependencias de uso da clientela sempre que a temperatura ambiente o requira, cun número de teléfono 24 horas para a atención ao usuario, cun servizo de asistencia e mantemento e con follas de reclamación de turismo que poidan ser presentadas ante as autoridades de consumo.
SATISFACCIÓN NO SECTOR
Desde o clúster Turismo de Galicia, como entidade que agrupa ao 95% do sector turístico galego, mostraron a súa satisfacción pola aprobación deste decreto. O seu presidente, Francisco González, celebra que a partir de agora toda a oferta de aloxamentos en Galicia estea regrada, ofrecendo un marco legal para unha oferta turística "existente e en crecemento".
"A nova normativa permitirá agora que todo aquel que queira participar nas canles turísticas póidao facer, contribuíndo a crear unha oferta regulada e de calidade que nos beneficia a todos, porque o turismo somos todos e debemos traballar conxuntamente", sinalou.
Relacionadas:
-
Donos de vivendas turísticas buscan dar un "salto cualitativo" de calidade
Por Redacción |
-
Galicia será a comunidade "menos restrictiva", segundo Nava Castro, coas vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
As vivendas turísticas buscan o apoio do Concello ante a presión do "lobby" hoteleiro
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas da provincia apostan por regular o aluguer vacacional
Por Redacción |
-
Piden á Xunta que se regule o aluguer de vivendas particulares para vacacións
Por Redacción |