Inventa un roubo coitelo en man para evitar unha rifa da súa nai por perder 70 euros
Por Natalia Puga
Un mozo pontevedrés de 25 anos está pendente de comparecer no xulgado en calidade de investigado por simulación de delito por inventar un roubo con intimidación na rúa para ocultar á súa nai que perdera 70 euros.
O agora investigado acudiu á Comisaría Provincial da Policía Nacional e relatou que o pasado luns 23 de xaneiro ás 16.30 horas camiñaba pola rúa Losada Diéguez de Pontevedra cando un home o parou para pedirlle un cigarro e unha moeda. Cando lle dixo que non tiña ningunha das dúas cousas, a persoa que acompañaba a ese primeiro individuo sacou un coitelo duns 15 centímetros e ameazouno.
Segundo esta versión que contou á Policía Nacional, como resultado desa amenaza, entregoulle a carteira, na que levaba 70 euros. A continuación, os dous homes que o asaltaron saíron correndo e deixaron tirada a carteira aos poucos metros, pero xa sen diñeiro.
Cando os investigadores volveron citar na Comisaría para seguir indagando sobre o roubo, acabou por recoñecer que toda a historia era mentira e que, en realidade, perdera o diñeiro, pero inventou o roubo para evitar unha rifa da súa nai.
A Policía Nacional identificouno e pasou á categoría de investigado por un delito polo que deberá comparecer ante a autoridade xudicial competente cando sexa citado.
Desde a Comisaría lembran que as denuncias falsas son constitutivas dun delito e utilizalas vai en detrimento do labor policial e a seguridade cidadá, pois supón dedicar medios das forzas de seguridade a investigar infraccións inexistentes restando recursos para investigar outras cuestións.